
Ata seis actos pensados para o entretemento e ocio daranse cita esta fin de semana en Narón, un municipio que habitualmente xa acapara a atención dos veciños da comarca no que a este tipo de actividades se refire. O programa previsto para os vindeiros días inclúe desde citas enfocadas aos amantes dos animais ata outras máis tradicionais, pasando polas de contido deportivo e abertas á participación de nenos e maiores.
O calendario arrancará mañá coa celebración da Marcha Ciclista Escolar e, pola tarde, cun desfile no auditorio para contribuír ao Centro de Recursos Solidarios.
Para a xornada do sábado, a oferta é moi variada. Aqueles que opten tradicional poderán asistir, a partires das cinco, na parroquia de Piñeiros á celebración da Festa dos Maios e, despois das oito da tarde, á actuación do grupo de teatro daPombiña coa que arranca o programa de actos da Romaría da Virxe da O, unha actividade que irá máis alá da fin de semana.
A V Exposición Nacional Canina “Cidade de Narón” e o Campionato de Agility é a alternativa prevista polo Concello para os veciños e visitantes que disfrutan coa compaña dos animais, máis concretamente dos cans. Esta convocatoria terá continuidade o domingo coa mostra canina. Este apretado calendario despídese o día 10, domingo, coa celebración da primeira edición da Ruta de BTT “Cidade de Narón”. As previsións apuntan, segundo din os responsables municipais, á participación de máis de 200 ciclistas, entre eles un grupo de 20 mulleres procedentes de toda Galicia.
Ademais do máis inmediato, o Concello de Narón xa traballa no que aínda está por vir. Neste apartado hai que apuntar a celebración, a finais do mes de xuño, do Campionato de España de Baile Deportivo. Máis de cincocentas parellas, especializadas no baile latino, tomarán parte nuha actividade que terá como escenario as instalación do Pazo da Cultura e na que tamén terán cabida o Campionato de España de Danza Coreográfica, a Copa Promoción Española e a Final da Liga de Promoción. Estas citas xa están pechadas para os días 26, 27 y 28 do citado mes.