
Comeza o proceso de elección do gañador do IX Premio José Couso de Liberdade de Prensa, que outorgan os xornalistas galegos. Ata o 12 de marzo está aberto o prazo para presentar as candidaturas. Calquera persoa ou organización vencellada á profesión pode facer chegar a súa proposta a premiocouso@xornalistas.com. Debe incluír unha memoria na que se expliquen as razóns que xustificarían a concesión e tamén un currículum vitae do candidato ou a traxectoria da organización.
As candidaturas faranse públicas o 14 de marzo e ese mesmo día abrirase o prazo para votar, a través de internet. Poderán facelo os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os do Club de Prensa de Ferrol. Estas dúas entidades son as que promoven o premio, co apoio da Obra Social de La Caixa. En total, máis dun milleiro de persoas poden participar no proceso electivo ata o 9 de abril. O día 16 dese mes darase a coñecer o gañador e na primeira semana de maio entregarase o premio no teatro Jofre de Ferrol, nun acto que incluirá a actuación da Real Filharmonía de Galicia. Tamén se realiza unha ofrenda floral na escultura “Ás ceibes”, de Manuel Patinha, que está instalada no Cantón. Unha versión reducida desta peza é a que se lle entrega ó gañador, xa que o premio é honorífico e non ten recompensa económica.
reflexión
A presentación do José Couso, que se fai tódolos anos en Ferrol, é tamén unha oportunidade para reflexionar sobre o momento que atravesa a profesión xornalística. Así o fixeron Xosé Manuel Pereiro (decano do CPXG), Xan Morales (presidente do Club de Prensa) e Marc Arthur Benhamou (director territorial de La Caixa) no acto que se celebrou onte en Sargadelos.
“Este premio ten hoxe máis significado que nunca, cando preto de 10.000 profesionais perderon o seu traballo en España e 200 medios víronse obrigados a pechar”, comentou Benhamou.
Xosé Manuel Pereiro falou da debilidade dos xornalistas fronte ás presións económicas e políticas cando periga o posto de traballo “e non hai futuro”, e tamén da degradación democrática que supoñen certas condutas como as roldas de prensa sen preguntas ou a recente comparecencia do presidente do Goberno a través dunha pantalla de televisión. “Se alguén que está nese posto non entende que nós somos os intermediarios e que facemos as preguntas que se poden estar facendo os cidadáns; se non entende que vai no seu soldo contestar a esas preguntas, pois estamos mal. Se este feito non provoca alarma social, estamos mal todos, non só o xornalismo”.
Evitou dar cifras concretas da perda de postos de traballo en Galicia, pois “nin sequera está contabilizado o número de profesionais que hai”, xa que moitos traballan como autónomos. En calquera caso, “foron moitos máis dos que deberían”.
O José Couso instituíuse en memoria do cámara ferrolán que morreu en Irak, nun ataque ó hotel Palestina, onde se aloxaba a prensa estranxeira, en abril de 2003. A súa familia segue a batalla legal para que se investigue o que pasou e se condene ós culpables. “O proceso está aberto pero hai unha sentenza moral, e un dos resultados é este premio”, apuntou Xan Morales.






















