
A compañía Teterella Teatro é unha das moitas formacións saídas da vizosa canteira da Escola de Teatro de Narón. No Pazo da Cultura estreouse a finais do pasado ano a súa segunda montaxe, “Love Room”, que tras pasar con fortuna pola teatro Colón da Coruña poderá verse hoxe ás 20.30 horas no Jofre, nunha das contadas ocasións de ver no teatro ferrolán obras para adultos en galego dentro da programación da Concellería de Cultura.
A obra, orixinal de Tirso Calero, está dirixida por Carmen Blanco e protagonizada por Tania Villamarín e o eumés Mateo González, que define a comedia: “trátase da historia de dous amantes aos que colle o amencer e se preguntan que lles pasou para acabar así, nunha habitación dun hotel. Cada un ten a súa vida, o meu papel é dun xornalista casado e con un fillo, mentres que Tania é solteira pero ten mozo formal. A partir de aí comeza un xogo e unha análise de todas as posibilidades amorosas, as diferentes paixóns que poden darse no corazón humano entre dúas persoas”.
O tema eterno do amor que está tratado desde un punto de vista eminentemente cómico. “En todas as representacións funcionou moi ben e o público non parou de rir. De feito no Colón da Coruña enchemos, algo que foi un punto de inflexión para nós, unha compañía pequena que está tratándose de abrir un espazo en plena época de crise. De feito, a partir desa actuación, e do ben que funcionou, saimos na TVG e comezou a medrar o número de representacións por toda Galicia”.
“Love Room” está escrita por Tirso Calero, guionista da serie “Amar en tiempos revueltos”, que confiou na compañía Teterella para a adaptación desta peza ao galego. “Gustoulle moito cando a veu en Narón –recorda Mateo–, xa que a nosa versións aporta xiros que non estaban no orixinal, ademais de que potencia a parte cómica do texto”. Teterella Teatro leva funcionando catro anos e esta é a súa segunda produción. Aínda que as cousas comezan a moverse, o actor eumés confesa que “aínda non me deixou abandonar a hostalería”.








