
A concelleira nacionalista Mercedes Tobío continuará exercendo como coordinadora comarcal do BNG. Así se acordou onte no transcurso dunha asemblea que se celebrou no Centro Cívico de Caranza. A candidatura liderada por Tobío foi a única que se presentou ao Consello Comarcal dos nacionalistas de Ferrolterra. O tamén edil Manuel Polo –Fene– será o viceportavoz comarcal da formación. A responsable comarcal do BNG amosou a súa satisfacción pola unanimidade acadada e valorou a candidatura que lideraba, polo seu carácter integrador. “Continuaremos facendo pequenos reaxustes co fin de anovar e integrar á xente que estea disposta a traballar”, subliñou a nacionalista.
Xunto con Tobío e Polo, formarán a nova executiva comarcal Ana González, Secundino García, Marola Mosqueira, Xesús Sánchez, Eva Guerrero, Xesús Soto e Elena Díaz, que ocupan os nove primeiros postos da lista. Así mesmo, ao aprobarse por maioría a candidatura de Mercedes Tobío, xunto con ela estarán no Consello Nacional do BNG Manuel Polo e Ana González. Nos dez seguintes postos da lista presentada ao Consello Comarcal do partido están Manuel Rodríguez, Andea Pardo, Francisco da Silva, Inés Roca, Fernando Igrexas, Susana Senra, Iván Rivas, Margarida Leirachá, Manuel Rei, Carmen Castro e Xabier Sánchez.
Na asemblea comarcal dos nacionalistas celebrada onte abordouse ademais un informe de xestión que presentou a dirección saínte, sobre aspectos organizativos e, fundamentalmente, do ámbito das iniciativas políticas e sociais nas que a organización comarcal está a traballar desde a conformación da actual dirección, en febreiro do pasado ano, tal como se indicou desde o BNG. No informe destacouse o “amplio abano de iniciativas abordadas desde a organización comarcal”, moitas delas sobre o sector naval, un ámbito que os nacionalistas xa anunciaron que considerarán prioritario durante esta nova etapa.
A defensa das infraestruturas ferroviarias, a loita contra os desafiuzamentos, o saneamento das rías e a oposición a medidas privatizadoras serán, tal como se apuntou desde o BNG, outras das liñas de traballo nas que se centrará a formación.
A renovación da dirección comarcal dos nacionalistas súmase á realizada tamén esta semana na local, onde Xulio Rodríguez substitúe a Elia Rico como responsable local do BNG.




















