
O portavoz do grupo parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, negou onte en Ferrol que a necesidade de reclamar soberanía para que o pobo galego poda decidir sobre os seus propios asuntos e teña o control real da súa economía sexa “simplemente unha reivindicación identitaria”, senón que, afirmou, “ten moito que ver con dar respostas reais ás causas que provocaron esta crise económica e as consecuencias que está tendo para nós”.
O nacionalista trasladou a súa tese á “situación límite” que está a vivir a comarca e, en particular, o sector naval. “É froito”, explicou, “de decisións estritamente políticas que expulsan este sector do mercado europeo para que sexan outros os que se fagan co que tiña Galiza”. Jorquera asegurou que estas medidas “están condenando ao país, que sofre un proceso de destrución da súa base produtiva, a se converter nun deserto económico”.
Esta situación, sostén o voceiro parlamentar do Bloque, só é reversible “tendo un poder político propio que defenda os nosos intereses económicos e negocie en pé de igualdade cos outros países”. Nesa liña puxo como exemplo Noruega, un Estado que non forma parte da Unión Europea pero que ten asinados tratados comerciais con ela en sectores como o naval ou o pesqueiro. “Este país concédelles unha posición estratéxica e, froito diso, ten acadado condicións que permiten que nesta altura estea incrementando notablemente a súa cuota de mercado no eido do sector naval europeo ou que estea expandindo a súa industria pesqueira”. “Galiza”, apuntou Jorquera, “necesita un poder propio precisamente para facer o que está facendo Noruega: defender os seus intereses económicos e asegurar a supervivencia da base produtiva que non condene á nosa mocidade á emigración”. Para o deputado do BNG, esta crise ensina que para calquera pobo é fundamental “ter o control real da súa economía e que a reclamación da soberanía está intimamente ligada á reclamación da democracia”.
O deputado do BNG referiuse tamén á “venda do país por parcelas” que está sufrindo Galicia ante a “total incompetencia, cando non complicidade, do señor Feijóo”, quen, apuntou, “gasta todos os seus esforzos atribuíndo a outros as súas responsabilidades”, mentres se avanza na venda de NCG Banco e, polo tanto, no expolio do noso aforro”.








