
As vacacións escolares e as especiais características das festas de Nadal, que os nenos viven con grande intensidade, fai que as asociacións culturais e veciñais preparen para este mes numerosas actividades infantís. Conseguen así ofrecer propostas de ocio de calidade e tamén favorecer a conciliación da vida familiar e laboral.
O Ateneo Ferrolán colaborará coa Escola da Vaca no seu programa para os nenos. Haberá catro concertos no auditorio do edificio da rúa Magdalena. Comezarán mañá, ás 18.30 horas, coa escenificación dun conto infantil. O martes, á mesma hora, o recital será de violín. Xa para o luns 22 preparan un concerto didáctico de música blues e o martes 23, esta vez ás 17.30, o protagonista será o canto.
As asociacións de veciños de Covas, Esmelle e Marmancón organizan unha ludoteca e campamento do día 22 de decembro ó 2 de xaneiro. Abrirá de 8.30 a 14.30 horas e ofrecerá ós rapaces actividades e ocio. A inscrición pode facerse a través do correo electrónico avvcovas@gmail.com ata cubrir prazas. O Concello de Ferrol colabora con esta iniciativa, para a que se ofrecen 70 prazas para idades entre os tres e os 17 anos. Súmase esta a outras actividades do Nadal como o bingo social do vernes 19, a festa que organizan as mulleres o sábado 20, as visitas de Papá Noel e dos Reis Magos ou as campañas de recollidas de xoguetes e de axuda á cociña económica.
Tamén en Doniños haberá un campamento para os nenos, organizado pola asociación de veciños San Román en colaboración con Espacio Vivo. Este “Nadal de batucada” será entre os días 22 e 31 de decembro (con excepción do 25 e da fin de semana do 27 e 28). O horario é de dez da mañá a dúas da tarde pero tamén haberá servizo de madrugadores para recoller ós nenos antes desa hora (desde as 8.30). A música será o eixo da proposta, coa elaboración de instrumentos caseiros, xogos con ritmos e percusións e tamén baile. O obxectivo é a creación dun grupo de batucada cunha coreografía grupal.
Este mesmo taller realizarase na sede de Espacio Vivo (na rúa Terra), nos mesmos días e datas. Ambos seguen a filosofía deste centro de potenciar as distintas intelixencias nos máis pequenos. En Espacio Vivo o campamento custa 60 euros. O da AVV de San Román de Doniños vale 45 euros para os socios e 50 para os que non o sexan.
A Asociación de Veciños do Ensanche A, pola súa banda, organiza un concurso de tarxetas navideñas, que vai xa polas dúas décadas. Diríxese a nenos de tres a doce anos e as inscricións deben facerse na secretaría da asociación ata o 16 de decembro. Pódese obter máis información no 981 370 561 ou no correo electrónico avvensanchea@hotmail.com.
xogoteca
No centro da cidade, en plena praza de España, amplíanse as actividades da Xogoteca durante o Nadal e tamén as prazas. A Concellería de Xuventude ofrece 15 prazas novas para nenos de tres a seis anos e outras quince de sete a dez. Haberá obradoiros de cociña ou de manualidades dedicados a estas festas. Abrirá desde o 22 de decembro ó 2 de xaneiro, entre as 8.30 e as 14.30 horas. As inscricións poden facerse ata o día 18 no Rexistro Xeral do Concello.






















