
Cándido Pazó continua a súa exitosa xira por teatros de toda Galicia interpretando “Memorias dun neno labrego”, unha versión teatral, nun monólogo narrativo, do clásico de Xosé Neira Vilas. Este libro imprescindible da literatura galega contemporánea (imprimíronse xa máis de 600.000 exemplares) está protagonizado por Balbino, que conta en primeira persoa as penurias dun rapaz pobre nunha aldea galega. Está presente neste texto a morte, a violencia, a frustración na escola, a servidume, o traballo no campo, as festas e tamén a emigración, personificada no propio pai de Balbino ou no seu amigo Lelo.
Estas “Memorias dun neno labrego” representaranse mañá sábado, ás oito da tarde, no teatro Jofre, con entradas a cinco euros, que poden mercarse na propia taquilla e tamén por internet (www.ferrol.es/jofre).
Pazó montou este espectáculo coincidindo co 50 aniversario da publicación, que se cumpriu no ano 2011.