
O escritor local Mario Caneiro (Narón, 1969) presentou onte na Biblioteca do Alto do Castiñeiro a súa primeira novela “Homiños”, unha obra publicada pola editorial canguesa Barbantesa. O concorrido acto contou coa presenza do propio autor, do edil de Cultura Guillermo Sánchez Fojo e de Conchi Saavedra Lamelas, profesora de Lingua e Literatura do Colexio Santiago Apostol, que comentou os aspectos máis salientables da novela.
“Homiños” narra a vida duns rapaces nun barrio que ten unha vía do tren pola que os convois pasan case sempre atrasados e de largo. Nese barrio que os ampara e os apresa, aman, beben, discuten, medran, viven e morren convencidos de que a todos os barrios os atravesa unha liña de ferrocarril.
Aínda que adicado á literatura de xeito parcial, Mario Caneiro xa obtivo diferentes premios e publicou en diversas plataformas. Así, mención honorífica no III certame Ágora de conto e o 2º premio do IV certame de narrativa Concello de Ames, así como a publicación dun relato no libro colectivo Os relatos do verán 2002, outro segundo premio no VII certame de narrativa do Concello de Ames, o premio do III certame Rosa de Cen Follas e a publicación dun relato na revista Infoxove por mediación da AELG. En 2011 foi premiado no I certame de Relatos Tempos Dixitais.




















