
A homenaxe popular ao crego e sociólogo Bernardo García Cendán celebrada o pasado venres 12 na Igrexa do Socorro de Ferrol Vello saldouse cun rotundo éxito. Ademais dunha notable presenza amical, esgotouse o volume “Unha alborada nova”, o libro editado pola revista Encrucillada no que se incluían desde semblanzas a traballos do propio García Cendán.
A organización adianta que tralo éxito da presentación xa se está a pensar nunha segunda edición deste volume con correcións e diversos engadidos.
Publicado na colección “Monografías” da revista Encrucillada, da que García Cendán era membro activo, “Unha alborada nova” está coordinado por Marisa Vidal Collazo, Baldomero Iglesias Dobarrio e Rubén Aramburu Molet. Nel se inclúen desde poemas e partituras do homenaxeado ata textos de Xosé Chao Rego, Xulio Xiz, Marica Campo, Manolo Regal ou Agustín Fernández Paz entre outros.






















