Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Comarcas

Entre a reivindicación e o lecer, chega o día grande das Letras Galegas

O acto institucional do Concello de Ferrol volve fuxir do centro da cidade para o rural municipal. Así, o local veciñal de San Pedro de Marmancón acolle a partir das 17.30 horas o acto organizado pola Agrupación de Asociacións Veciñais da Zona Rural coa colaboración da administración local, que estará representada polo propio alcalde, José Manuel Rey Varela. Durante a celebración desta conmemoración do Día das Letras Galegas realizaráse unha lectura de textos de Xosé Filgueira Valverde, autor homenaxeado este ano aínda que sen a presenza doutras figuras de anos anteriores.
En Marmancón tamén actuarán a coral polifónica O Cruceiro de Valón e a coral Ecos de Chamorro para poñer o colofón á celebración coa interpretación do Himno de Galicia.

feira no ateneo
En Ferrol, pero fóra do ámbito institucional, o Ateneo Ferrolán  celebra o Día das Letras Galegas cun feirón nos locais do propio Ateneo (Magdalena 202-204) entre as 12.00 e as 14.00 horas, no que diversas librarías e colectivos terán á venda libros e materiais representativos das letras e a cultura galega.
Ademais, durante a xornada o Ateneo Ferrolán vai regalar 40 libros en galego. Como curiosidade, na madrugada de hoxe a entidade cultural deixou agochados 40 sobres en diversas rúas e lugares de Ferrol relacionados coas letras galegas, para que as persoas que os encontren poidan canxealos posteriormente por libros en galego no Ateneo, pero exclusivamente nas horas de apertura do citado feirón, entre as 12.00 e as 14.00 horas.

queremos galego en canido
A maiores, a plataforma Queremos Galego, composta por 700 entidades sociais de todo tipo, ten en Ferrol a sede dunha das súas concentracións. Baixo o lema “Galego, garantía de futuro”, a entidade celebra un variado acto na praza do Cruceiro de Canido a partir das 12.00 horas. Alí intervirán o delegado de Queremos Galego en Ferrol, Carlos Outeiro, o sociolingüísta Francisco Rodríguez e soará a música de Víctor Aneiros, que leva composto cancións e adaptado poemas de varios autores galegos (Rosalía, Ramiro Fonte, etc.) en clave de blues. Sen saír de Ferrol, a AVV O Rosario celebra na praza Rosalía de Castro do barrio de San Xoán ás 12.00 horas un acto reivindicativo a prol da lingua galega e contra a súa discriminación con actuacións e recitais.

lectura e maxia en narón
Xa en Narón, a sociedade cultural Areosa de Piñeiros organiza no seu local social a XII edición do Maratón de Lectura que se desenvolverá entre as 11.00 horas e as 18.00. A continuación actuará a Coral Areosa, que fará agasallo de libros aos nenos que participan nas actividades da entidade e o acto rematará cunha queimada para todos os presentes. Paralelamente, e desde o venres, está aberta a exposición de bolillos, manualidades e antigüidades da sociedade. Tamén en Narón, pero no Pazo da Cultura, preséntase ás 19.00 horas o espectáculo “Onde está o Mago Antón?”, co que o popular ilusionista regresa aos escenarios.
Na Casa da Cultura de San Sadurniño ás 18.00 horas estará a actriz Isabel Risco metida na pel de Chelo García Naveira, o nome tralo que se oculta Nabiza Girl. Unha superheroína rural galega que promete ofrecer un monólogo cheo de humor.
Ao remate deste espectáculo subirán ao escenario da Casa da Cultura Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias, máis coñecidos como Mini e Mero. Músicos, poetas, mestres, investigadores e activistas culturais, formaron parte de Fuxan os Ventos e agora son compoñentes de A Quenlla, con quen seguen mantendo vivo o seu particular xeito de por en valor e reivindicar a cultura galega. Finalmente, en Pontedeume entregarase ás 12.30 horas o premio do XXV Concurso de Contos “Vila de Pontedeume”.