
Os campamentos urbanos de Ferrol comezan mañá na Casa da Xuventude e no Carvalho Calero con 120 prazas cada mes durante xullo e agosto para nenos a partir dos tres anos. A oferta realizouse en función do interese de anos anteriores. Porén, houbo un importante incremento de solicitudes, polo que hai listas de espera que, no caso dos máis pequenos, chegan a ser máis do dobre das prazas ofertadas para o mes de xullo (hai 40 e houbo 81 solicitudes).
Este repunte explícase en parte polo éxito do programa Concilia, segundo comenta a concelleira de Igualdade e Xuventude, Verónica Casal. Trátase dunha proposta que se levou adiante desde mediados de febreiro e a través da que se ofertaban actividades de ocio para os pequenos polas tardes e tamén os sábados pola mañá para favorecer a compatibilización de traballo e familia. O éxito desta proposta explica o “tirón” dos campamentos urbanos. “As actividades que se lles ofertan son moi atractivas e están encantados. Uns nenos chaman a outros”, explica Casal. Ademais, por suposto, das complicacións para conciliar durante as vacacións e do interese dos pais en ocupar o tempo libre dos seus fillos con actividades produtivas.
As prazas para este verán non se van modificar posto que a adxudicación para este ano xa está feita, en base á demanda de 2013. Si se terá en conta para futuras edicións este interese.
Os campamentos urbanos desenvolveranse durante xullo e agosto. O chamado Babyocio será na Casa da Xuventude, para nenos de entre tres e seis anos. Son 40 prazas por mes que xa están cubertas (para agosto houbo 55 solicitudes). O denominado Planeta Verano diríxese a rapaces entre os sete e os doce anos e desenvolverase no Centro Cultural Carvalho Calero. Neste caso tamén se cubriron as 80 prazas de xullo (houbo 97 peticións) pero non as de agosto, para as que houbo 32 solicitudes. Por iso ofreceráselles ós que están en lista de espera participar nas propostas do mes seguinte.
Son actividades gratuítas, guiadas por monitores especializados e que este ano teñen como novidade unha maior amplitude horaria, xa que serán de 8.30 a 14.30 horas, favorecendo a coincidencia cos horarios laborais.
zona rural
As asociacións veciñais de Covas, Esmelle e Marmancón volven unirse este verán para ofrecer tamén actividades nun campamento que se levará adiante entre o 14 de xullo e o 14 de agosto para nenos de tres a doce anos e de esa idade en diante. Para os primeiros hai dispoñibles 40 prazas e 30 para os maiores. Celebrarase en Esmelle e a inscrición xestiónana as propias asociacións, dando prioridades ós seus habitantes. Porén, se quedan prazas vacantes, admitiríanse nenos procedentes doutras demarcacións. Repiten así a experiencia que levaron a cabo no Nadal, cando entre as tres entidades organizaron unha ludoteca, neste caso en Covas, tamén co obxectivo de facilitar a vida familiar.








