
A obra “Criaturas”, de Roberto Vidal Bolaño, regresa catorce anos despois a Narón. Trala súa estrea en 1999, volta nunha nova versión de Teatro do Aquí dirixida por Evaristo Calvo e poderá verse hoxe e mañá ás 20.30 horas no Pazo da Cultura. A peza, interpretada por Belén Constenla, Vicente de Souza, Marcos Orsi e Xoán Carlos Mexuto, foi presentada onte en Narón por Belén Quintáns, viúva do dramaturgo; o actor e escritor Rubén Ruibal, o concelleiro de Cultura de Narón, Guillermo Sánchez Fojo; e o director, Evaristo Calvo.






















