
A V Feira do Queixo do Eume e do Mel de Goente repetiu o éxito do ano pasado cunha constante afluencia de xente durante toda a xornada. As exposicións, a comida e merenda populares ou as actuacións musicais axudaron a manter o interese por unha iniciativa que exalta o valor dos produtos locais nun ano no que, no caso do mel, a meteoroloxía non axudou en exceso. A continuada chuvia en primavera impediu a saída das abellas e, cando chegou o bo tempo, veu acompañado de aire e as flores murcharon moi rápido. Por todo isto, a produción de mel na zona descendou á metade, segundo comentaba onte Manuel Ferreira, da Casa do Mel de Goente. Ademais, xa se viron en Estaca de Bares e no Vicedo exemplares nas temidas avésporas asiáticas, unhas grandes depredadoras das abellas.
No que respecta á festa, unhas 700 persoas participaron no xantar popular, con xarrete estofado como prato principal. Pola tarde, servíronse na merenda tódalas racións dispoñibles (400) de queixo, mel, requeixo e freixós.
Os visitantes que pasaron polo campo da festa de Goente ó longo de todo o día puideron ver as exposicións de vehículos de competición, de motos históricas e de artesanía, así como as dos pratos que participaron no concurso de receitas, cuxos premios se entregaban pola tarde. Tamén había postos de venda, aínda que neste apartado nótase a crise económica e foron algo menores que en anteriores edicións.
A música tivo protagonismo tamén durante todo o día, co concerto do grupo pontés Jin Tony’s Son pola mañá, e das cantareiras de Airiños da Capela e do grupo folk Muxarega pola tarde. Ás oito comezou a verbena.
Non se esqueceron os organizadores (asociación veciñal, Casa do Mel e queixerías, ademais do Concello) dos pequenos, para quen se desenvolveron talleres pola tarde. Tamén houbo visitas guiadas á escombreira.
xornadas
A Feira do Queixo e do Mel foi o colofón a unha semana de actividades na que houbo charlas sobre os meles da comarca do Eume e os problemas apícolas, obradoiros para escolares, catas co recoñecemento para o mellor mel claro e o mellor mel escuro (depende da alimentación), e tamén un concurso de receitas nos que os ingredientes predominantes debían ser o queixo do Eume e o mel da comarca.




















