
O escritor de Xuvia Vicente Araguas será o pregoeiro dunha nova edición da Festa do Pemento do Couto (Narón), a número dezaseis, que terá lugar o vindeiro 20 de xullo, domingo, xunto ao local social municipal desta parroquia. Xunto a Araguas terá protagonismo o perruqueiro naronés Antonio Calvo, que será nomeado membro da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto.
Así o anunciaron onte a concelleira de Festas e Ocio, María del Mar Gómez; Anselmo Beceiro, presidente da entidade veciñal do Couto; José Manuel Leira, xerente da Cooperativa do Val e Tomás Casal, membro fundador da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, que participaron na rolda de prensa na que se avanzou a programación para esta data.
produtos do campo
A xornada do día 20 comezará cun mercado e mostra de produtos do campo que abrirá ás dez da mañá. Duas horas despois, o Mosteiro do Couto estará a disposición dos interesados en percorrer esta senlleira construción con visitas guiadas.
Ao poeta Vicente Araguas chegaralle o turno de glosar as virtudes do pemento e de animar á participación na festa á unha da tarde, hora prevista para o pregón. E ás 13.30 horas a Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto sumará un novo membro, coa incorporación á mesma do perruqueiro Antonio Calvo –gañador de varios premios Fígaro, os galardóns máis internacionais e importantes no seu cammpo–, que recibirá tamén o Pemento de Honra.
Xa as dúas da tarde, os asistentes á festa poderán xantar churrasco con cachelos e pementos –seviranse cen quilos– acompañados de auga, viño e café ao tizón. O prezo do menú é de doce euros e xa se pode reservar nos locais sociais municipais do Couto e O Alto, na Cooperativa do Val e no terceiro andar do Concello. Hai 400 tíckets dispoñibles.
Ás 16.30 horas, terá lugar o concurso de cestas de produtos do campo, no que se premiará a mellor presentada e, xa para rematar a festa, haberá baile amenizado por un grupo musical. n








