Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Ferrol

Marea Ártabra quere un Consello da Muller decisorio

Un grupo de candidatas de Marea Ártabra presentou onte o seu programa para a muller, escollendo como escenario o monumento a Concepción Arenal de Esteiro nun xeito de homenaxe ao seu carácter de pioneira na loita polos dereitos do colectivo.
A número dous da lista, Paula Meizoso, desgranou algunhas das propostas, a primeira cambiar o carácter do Consello Sectorial da Muller, de maneira que deixe de ser un órgano meramente consultivo para converterse nun espazo onde poder facer iniciativas e sacalas á luz.
O impulso do terceiro Plan de Igualdade desde a participación cidadá é outro dos obxectivos que plantexa a Marea Ártabra, que criticou que o Partido Popular só se ocupou de “redactalo e presentalo para despois gardalo nun caixón, como fixo co segundo plan”.
Paula Meizoso apostou tamén por contar coa Mancomunidade e os concellos de toda a comarca para que participen na Casa da Muller, o CIM e a Casa de Acollida, xa que estes servizos abarcan a máis dunha localidade.
A creación dunha “escola de empoderamento” na que se traballaría na autoestima das mulleres e se impulsaría a súa participación forma parte tamén do paquete de propostas da Marea Ártabra, xunto coa recuperación do servizo de axuda no fogar para a xestión pública, a consideración dos coidados familiares á economía real ou a creación dun código ético desde a perspectiva de xénero.

observatorio da saúde
Outro dos puntos importantes que leva esta formación política no seu programa é a creación dun observatorio da saúde da muller. Trátase, explicó Meizoso, de que a Área Sanitaria garanta os dereitos sexuais e reproductivos das mulleres desde a infancia ata a menopausia e de que estas reciban información sobre os beneficios e virtudes que ten cada unha das etapas da vida.
Marea Ártabra quere tamén que Ferrol dispoña dun punto de encontro para a lactancia materna no que non só se dea información senón que se acheguen recursos como poden ser os sacaleites. Aínda recoñecendo que o índice de natalidade de Ferrol é moi baixo, a candidata explicou que “de todo o negativo tentaremos sacar algo positivo”.
Corrixir o que consideran unha excesiva medicalización do parto e potenciar o traballo das matronas como especialistas en acompañar ás mulleres nos cambios que se producen na súa vida son outra iniciativas da Marea Ártabra.