
Organizado por Carrefour, o Parque Ferrol acolleu onte a presentación do novo disco do cantautor ferrolán Andrés Suárez “Mi pequeña historia”, primeiro que publica na discográfica Sony Music e que desde hoxe está oficialmente á venda. Fans e seguidores de Suárez tiveron a oportunidade de escoitar varios dos temas interpretados coa guitarra polo músico e de que o propio Suárez lles asinase este traballo, sexto da súa ascendente traxectoria.
novo concepto
“Mi pequeña historia” é un álbum que transcende do concepto tradicional de cantautor para achegarse ao de banda de rock. Producido por Alfonso Pérez coa colaboración de Peter Walsh (colaborador de Peter Gabriel ou Miguel Bosé, entre outros), o disco soa luminoso e optimista, incluso roqueiro en moitos momentos, pero con toda a lírica e o sentimento que apaixona á súa crecente comunidade de seguidores.
O próximo sábado día 6, Suárez comeza unha xira por toda España que de momento ten xa case unha trintena de datas ata o mes de outubro. Ninguna delas, de momento, será en Galicia, así que a falta de que finalmente o chamen para actuar na súa terra o cantautor ferrolán quixo facer unha pequena presentación en Ferrol para quecer motores e atoparse cos seus paisanos cara a cara.