
Ademais de ofrecer unha análise do que o humor representa nos diferentes eidos da sociedade actual, inmersa nunha profunda crise, o 17º Curso de Pensamento Carlos Gurméndez que desde o mércores se celebra no campus de Ferrol tenta render tributo a un galego que chegou a ser considerado como “o pai da caricatura na Arxentina”.
Nado en Cervo (Lugo) en 1862, José Cao Luaces abandona a súa terra con 25 anos de idade rumbo ao país que tantos emigrantes acolleu e onde pronto comezou a abrirse camiño en diferentes publicacións –desde Don Quijote, ata Caras e Caretas ou Fray Mocho, pasando tamén polo suplemento cultural do rotativo La Nación–.
Pouco a pouco o público vai descubrindo a súa habilidade e talento como debuxante, ata ser considerado como o “gran caricaturista” do momento, sobre todo “polo trazo e a profundización psicolóxica dos personaxes que retrata”.
características
Así o salientou onte o documentalista e investigador arxentino Julio Mauricio Neveleff, encargado de achegar a figura de Cao aos asistentes no curso de pensamento Carlos Gurméndez.
Instantes previos á súa intervención, o relator recoñecía o traballo dun caricaturista capaz, a través dos seus debuxos, “de dar una imagen completa de la persona que está retratando a través de pequeños gestos, miradas o posturas.
Retrata fundamentalmente la figura completa y a través de esta, las manos, el rostro y los ojos son definitorios”, comenta. Representantes da política, da industria, da ciencia ou da educación, pero tamén personaxes anónimos son obxecto das súas caricaturas. Unha representación delas son as que desde onte e durante dez días se poderán ver na exposición inaugurada no centro sociocultural Afundación e que conta coa colaboración de varios museos arxentinos.









