
A música volve ó Torrente Ballester co inicio do ciclo Noites en Capela, que se desenvolverá tódolos xoves, desde abril ata de-cembro, coa única excepción do mes de agosto, en que parará a programación. Adiántase a hora de comezo dos concertos ás nove da noite, convertendo a capela do centro cultural xa definitivamente nun pequeno auditorio para propostas en formato acústico de folk, jazz, blues e estilos que se adecúen ó espazo. Tamén se probará na programación con monólogos ou obras teatrais, pero sempre cun claro vencello coa música.
Así o explica Iván Sanjurjo, de DZPro, empresa de San Sadurniño a quen o Concello de Ferrol adxudicou, por concurso, a programación neste espazo. Haberá unha importante presenza de grupos locais, pero tamén do resto de Galicia e de fóra. Ademais, prestarase unha atención especial á difusión dos concertos, con cartelería (na que, a través de códigos QR, pódese acceder a vídeos e outros datos sobre os artistas desde o móbil) e presenza en internet. Está xa activa a web www.noitesnacapela.com e tamén a páxina en Facebook.
Para empezar, abril inaugúrase coa actuación de Luís Peixoto e o ferrolán Fernando Barroso, que presentarán o seu disco “POP!”. Os instrumentos de corda son o eixo deste traballo, no que escapan de calquera etiqueta (teñen experiencia no folk, por exemplo) para dar renda solta á súa liberdade compositiva e propoñer un disco fresco, de ahí o título. Os dous conseguiron o financiamento para gravalo a través da plataforma de micromecenado Verkami e agora están a promocionalo en actuacións en directo. A de mañá xoves, no Torrente, ten unha entrada de cinco euros.
a axenda
A programación das Noites na Capela do mes de abril continuará o xoves 1 co concerto de aCadaCanto, unha agrupación formada por Guillerme Fernández, Guadi Galego, Xabier Díaz e Xosé Lois Romero, todos eles nomes de moito peso no folk galego. Neste caso a entrada custará sete euros e, como as demais, pode mercarse na taquilla e na web do Jofre (www.ferrol.es/jofre).
O 18 de abril a protagonista será Sés, unha cantautora coruñesa que se converteu na revelación da música galega dos últimos tempos. As localidades véndense a seis euros.
Como remate pasarán polo escenario do Torrente Thais, Loren e Nando Llón, que forman o trío Acûstica, unha banda que integra a guitarra, o contrabaixo e a voz para versionar en formato acústico clásicos do rock.




















