A Deputación da Coruña mantén aberto o prazo de participación no seu VII Concurso de Rock, así como no XIV Certame de Artes Plásticas “Isaac Díaz Pardo”. En ambos casos a data límite para presentarse a estes premios é o 15 de maio.
Trátanse ambos de certames moi valorados no seu ámbito. O concurso de rock, ademais de optar a un premio económico de 3.000 euros (para o gañador), 1.500 euros (para o segundo e terceiro) ou 1.000 euros (para o cuarto e quinto clasificado), permite aos grupos participantes darse a coñecer xa que, despois dunha selección inicial a través das maquetas recibidas, os clasificados ofrecerán un concerto en directo ante o público.
produción plástica
No caso do “Isaac Díaz Pardo”, o obxectivo é potenciar a produción plástica ao tempo que se honra a unha figura como foi este creador galego. Pódese concorrer ao certame con ata dúas obras. Ademais do cadro gañador, a Deputación adquirirá obras por valor de ata 40.000 euros e realizará unha exposición itinerante pola provincia.