
As Pontes vive hoxe unha intensa xornada protagonizada pola música. Organizada polas formacións de música tradicional da vila, celébrase a III edición da popular Santa Palleta, na zona da piscina do Lar. Ás 18.00 horas haberá unha ruta “barítima” desde a praza do Carme coa imaxe da homenaxeada. Ás 20.00 horas celébrase un obradoiro de baile tradicional impartido pola asociación Gamelas e Anduriñas (Ortigueira). Ás 21.00 horas comeza oficialmente a festa e ás 23.30 levarase a cabo a procesión. Na medianoite o popular exsindicalista e presentador Alfonso Tellado será o pregoeiro da cita.
Así mesmo, ás 20.00 horas a Escola de Música e a Banda Xuvenil interpretarán no auditorio Alovi populares bandas sonoras de películas, con pombas de millo incluídas, rematando o curso con este concerto.
festa gastronómica
A Asociación Pro Feira Cervexa Artesá organiza ata mañá unha feira deste novo produto local que comezará a elaborarse en breve. A céntrica avenida da Coruña acolle a partir das 12.00 horas unha cata de cervexas, hamburguesas galegas e salchichas. Haberá posteriormente un obradoiro de elaboración de cervexa, e xa pola noite, un concerto do grupo eumés Big Band Theory e discoteca móbil.
Mañá ao mediodía repítese a cata de cervexas, hamburguesas e salchichas, sorteos de regalos e o peche da actividade ao redor das 16.00 horas.