"Dende o Comité Intercentros, denunciamos que, unha vez máis, a reunión mantida co Presidente de Navantia non aclarou o noso futuro en canto á carga de traballo refírese. Polo tanto, debemos seguir mobilizándonos para esixir que se poñan en marcha todos os mecanismos co obxectivo prioritario de conseguir esa carga de traballo necesaria que consolide o futuro do grupo. Esta segue sendo a nosa principal reivindicación e debe ser un obxectivo prioritario para Navantia, SEPI e o Goberno deste país.
Na reunión de hoxe, o noso obxectivo foi aclarar as distintas manifestacións, que ao fío das mobilizacións conxuntas dos pasados 14 e 21 de marzo, se fixeron por parte do Presidente de Navantia e do Presidente de SEPI. Nas devanditas aseveracións acusábasenos dunha empresa non competitiva, subvencionada e que necesitaba axustes de retribucións en canto aos salarios dos seus traballadores e traballadoras.
O Presidente de Navantia, Sr. Revuelta, matizou estas expresións e conveu cos representantes dos traballadores que a nosa empresa necesita un apoio máximo do Goberno para proxectar unha imaxe positiva desta e así poñer en valor a gran profesionalidade dos seus traballadores e o excelente produto que realizamos. Ademais, comprometeuse a reabrir a negociación colectiva en termos de redución de custos, sen que necesariamente leve aparellado axuste de retribucións, senón, buscando mellorar a produtividade e a xestión da compañía. Ademais, exhortámoslle a comprometerse co futuro, garantindo o emprego e os centros do noso grupo e implementar, de xeito negociado e consensuado, as medidas oportunas para redirixir o complicado futuro que nos agarda se non somos capaces de conseguir eses contratos que doten de carga de traballo abondo a todos os centros da nosa empresa.
Para reconducir este camiño e abrir todas as vías de debate sobre calquera Plan de Futuro de Navantia, pero priorizando a consecución de carga de traballo, dende o Comité Intercentros trasladamos a todos, a necesidade de seguir mobilizándonos de xeito conxunta e propoñemos que nesta semana se leven a cabo asembleas e que o día 25 de abril se realicen mobilizacións cos planteis en todos os centros de Navantia.
Debemos seguir esixindo a necesidade de compromiso co futuro do noso grupo. Co futuro dos centros e co futuro das bisbarras onde estamos.
Navantia, a 9 de abril de 2013"




















