A Concellería de Cultura de Ferrol organiza un ciclo de concertos que protagonizarán as catro rondallas ferrolás por diferentes asociacións de veciños do municipio. Así dende o vindeiro venres 20 de marzo e ata o 12 de abril, as rondallas do Club de Campo, Sonidos del Alba, Añoranzas e Bohemios percorrerán durante as fins de semanas os locais de catorce entidades veciñais da zona urbana e rural do municipio ferrolán. En concreto, as asociacións de veciños nas que actuarán en parellas serán: Valón, Mandiá, A Cabana, Serantes, Covas, Vilasanche, Pazos, Caranza, Ensanche A, San Xoán, San Pablo de Catabois, San Xurxo, Santa Icía e Esteiro.
Segundo explica a Concellería de Cultura nun comunicado, “este ciclo de concertos das rondallas ferrolás é demandado pola cidadanía e permitirá ampliar as actividades das agrupacións musicais locais durante estas datas”.









