
Beatriz Sestayo, co Partido Socialista, entra no goberno de Ferrol xunto con Ferrol en Común, que ten a Alcaldía. Ela será tenente de alcalde e ademais asumirá as principais competencias en Benestar.
Como foi a primeira semana?
Intensísima, superilusionante e recibindo a moitísimas persoas esperanzadas cun cambio.
Pregúntolle o mesmo que ó alcalde, poderán manter esta atención personalizada?
Eu creo que da atención cidadá nunca podes despreocuparte, hai que facer un esforzo persoal de traballo para atender a toda a xente porque esta é a casa da cidadanía de Ferrol.
Cales foron as súas primeiras decisións?
As axudas de emerxencia. Ferrol ten moitísimas familias pasándoo mal, como xa viñamos denunciando, que non teñen a mínima cobertura. Xente sen vivenda, xente que pide para alimentos para os seus fillos, para a luz... As axudas de emerxencia foron as primeiras medidas e xunto a iso pois outras de diversas áreas como os campamentos urbanos ou as festas.
As festas están ás portas, que se está facendo?
O que fixemos é convocar unhas festas participativas porque sempre varias persoas pensando son máis imaxinativas que un só. O certo é que a xente está sendo tremendamente activa e quero aproveitar para agradecer a multitude de suxestións que se están a facer. Tentaremos elaborar un programa de festas que dea satisfacción á meirande parte da sociedade sabendo que non sempre podes acertar, pero contando con todos os públicos e dando vida a Ferrol. Queremos que do 21 ó 31 de agosto a cidade estea en festas e que isto sexa ademais un motor socioeconómico e non só lúdico.
Cales son as prioridades en Benestar?
Primeiro, como dicía, ó que nos dedicamos esta semana. Ferrol é a cidade co índice de pobreza máis alto de Galicia e polo tanto a preocupación maior ten que ser reverter esa situación, que ningunha familia teña que vivir angustiada por non ter o esencial. Xunto a iso hai que colocar uns servizos sociais potentes, que non poidan ser desmantelados, hai que blindalos e que dean satisfacción a necesidades como a dependencia, atención ós maiores, familia e menores, desafiuzamentos... Actividades que teñen que ver con ocuparnos das persoas.
O PSOE asinou en campaña o pacto contra a pobreza, segue en pé ese compromiso?
Segue en pé, levamos á negociación que o goberno enteiro se comprometera co pacto contra a pobreza e así ten que ser.
Que hai que facer en Muller?
En Muller hai que darlle a volta a catro anos practicamente de silencio. Muller é tamén outra das áreas nas que se notan moitísimo as diferenzas coas políticas do PP. Temos que recuperar a Casa da Muller. Hai moitísimas actividades enriba da mesa para empezar a poñela en marcha e creo de corazón que se vai dar unha volta enorme en política da muller.
O programa de goberno é ambicioso. Que vai dar tempo a cumprir en catro anos?
Eu espero que nos dea tempo a facer todo. O programa está pensado para levalo a cabo. Non queda outra que facelo porque Ferrol non pode sufrir unha decepción máis. Creo que estamos, e desde logo eu estou, profundamente obsesionada con non defraudar e con que un goberno de esquerdas non defraude.
Alternancia de gobernos e volta a empezar?
A diferenza do PP nós aquelas cousas que sexan de interese para Ferrol danos igual quen as teña defendido.
Está satisfeita coa negociación, co reparto de áreas?
Si, creo que obedece a unha estrutura paritaria e equilibrada, como corresponde, e dá a imaxe dun goberno unido, que é como ten que funcionar.
Están próximas as eleccións xerais e autonómicas. Influirán no goberno de Ferrol?
Espero e confío en que non. Aquí nos comprometemos co desenvolvemento da cidade. Ferrol, insisto, estaba en hora límite e non pode admitir decepcións, polo tanto o prioritario é sacala adiante con independencia de calquera proceso electoral.
Pero do resultado deses comicios si poden depender certos proxectos.
Ben, non debería ter que ser así porque o normal é que as relacións institucionais, con independencia de quen goberne, funcionen. Obviamente confiamos nun cambio de goberno nas eleccións xerais porque cremos que Mariano Rajoy ten feito moito dano á sociedade española e, polo tanto, confiamos en que se Pedro Sánchez é presidente moitos proxectos de Ferrol veran á luz antes ou, polo menos, de forma máis doada.
En época de devaluación salarial xeralizada, ponse o foco nos custes públicos. Hai algunha decisión sobre as retribucións?
Non hai decisións nesa cuestión. Hai un acordo, que é que non haberá subida de soldos durante todo o mandato. Temos que ser exemplares coa situación da cidade. n