
A plataforma Vive Ferrol quere darlle un bo lavado de cara ó Entroido da cidade e facer do desfile e do festival de comparsas do martes un espectáculo que se saia da rutina dos últimos anos. Por iso, as comparsas que animan as rúas cos seus disfraces, a súa música e as súas mordaces letras estarán esta vez acompañadas doutros artistas.
Tal e como o anuncian nos carteis e octavillas repartidas por toda a cidade, prepárase un gran desfile que adiantará a súa hora respecto a outras edicións. Sairá ás cinco da tarde da praza de España para percorrer a rúa Real, parar na praza de Armas e rematar, en torno ás sete, en Amboage. Estará formado por comparsas, charangas, carrozas, lanzachamas, figuras xigantes, acróbatas e espectáculos de baile. “Non terás visto nada igual”, aseguran.
Na praza de Amboage, no escenario alí instalado, prepárase unha gran gala que contará con Cristian de Samil como mestre de cerimonias, un artista que traballa habitualmente nun hotel de Vigo presentando os seus espectáculos de variedades e transformismo. As actuacións das comparsas que participan no concurso será un dos momentos álxidos da tarde, para dar despois dar paso á orquestra Nueva Generación, que manterá a animación durante a noite.
Estas actividades están patrocinadas polo Concello de Ferrol, que desde hai semanas mantén reunións coas comparsas e con Vive Ferrol para tratar de dar pulo ó Entroido e conseguir que participe o maior número de xente posible, no desfile ou como espectadores.
caranza e ateneo
As asociacións do barrio de Caranza celebrarán o Entroido este domingo, cun desfile de disfraces que sairá ás cinco da tarde das Telleiras e rematará na sociedade Galicia de Caranza, onde actuará a comparsa A Revolta de Trasancos. Os organizadores (as asociacións culturais López Bouza e Fuco Buxán, as asociacións de pais e nais do IES Carvalho Calero e do CEIP Manuel Masdías e A Revolta) chaman a tódolos veciños a disfrazarse e participar nesta festa .
Ademais o Ateneo Ferrolán tamén quere sumarse a unha das celebracións máis agardadas do ano cun obradoiro de Entroido dirixido ós nenos, que se celebrará o martes, de once da mañá a dúas de tarde, na súa sede da rúa Magdalena. É a primeira vez que realizan este taller, que será gratuíto. Para participar pódese recabar máis información en secretaría (981 357 970).




















