
As trinta persoas que iniciaron o 11 de marzo e o 14 de maio, respectivamente, os cursos de inserción laboral “Operacións básicas de cociña” e “Xerocultor especializado en actividades rehabilitadoras”, enmarcados no proxecto “Ferrol, punto de emprego”, rematarán a súa formación entre este venres e o vindeiro mércores.
A iniciativa do Concello de Ferrol están cofinanciada polo Fondo Social Europeo e ten como obxectivo proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder ao mercado laboral con mellores condicións de empregabilidade.
Os alumnos do curso de cociña principiaron o módulo de práctica profesional titorizada en empresas –de 180 horas de duración– o pasado mes de xuño e nel colaboraron as firmas Serunión –encargada da cociña da residencia Geriatros–, Clece –do Souto de Leixa–, Emai –da residencia Arquitecto Marcide–, Jardanay –centros Inditex de Río do Poxo–, Pizzas Sigrás, Bruno y Begoña, Nantes e Piacceri.
En canto ao itinerario “Xerocultor especializado en actividades rehabilitadoras”, o curso contou cunha duración de 255 horas e foi o pasado 3 de xuño cando os seus 15 beneficiarios iniciaron as prácticas titorizadas en empresas. Neste caso, a duración do módulo é de 160 horas e fixéronas na residencia de persoas maiores de Laraxe, pertencente ao grupo Geriatros.








