
Terra Galega (TEGA) celebrou onte un acto en Pedroso no que Marián Ferreiro destacou mellorar en infraestruturas na parroquia realizadas durante o último mandato, como a construción e apertura do centro cívico. “Unhas obras que se executaron tras adquirir o Concello a antiga reitoral e que permitiron dotar a Pedroso dun servizo do que carecía e que hoxe pode desfrutar a veciñanza”, asegurou Ferreiro, que indicou que seguirán apostando polo rural.
Outra das prioridades que marcou TEGA segue sendo ampliar a rede de saneamento e abastecemento da parroquia “para que chegue a todas as vivendas do rural”, avanzando que está pendente a vindeira semana a adxudicación dos traballos proxectados na zona da Portela.




















