Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Ferrol

Un cento de bodegas participan na nova edición de Xuviño, que se celebra esta fin de semana

Apelidándose Blanco e Alvariño, poucos alcaldes podían ser máis idóneos para organizar unha feira de viño que os de Narón e Neda. Bromas aparte, ambos presentaron onte a sexta edición de Xuviño, na que o primeiro edil naronés, José Manuel Blanco, estivo acompañado polo seu novo colega de Neda, Ángel Alvariño, que substitúe a un dos seus impulsores, o anterior alcalde Ignacio Cabezón.
A cita inaugúrase mañá e alongarase na fin de semana no paseo marítimo de Xuvia. Un cento de bodegas de diferentes localidades do país estarán representadas neste tradicional evento, cuxa inauguración oficial será ás 19.00 horas.
Blanco destacou o apoio que recibe anualmente Xuviño, que na anterior edición acadou os 30.000 visitantes, e tamén incidiu na calidade e cantidade de adegas que, ano tras ano, participan na convocatoria, ao tempo que fixo un chamamento á cidadanía para que se achegue a Xuvia para visitar esta tradicional feira do viño. “Son actividades que non debemos de perder e hai que seguir traballando e profesionalizar máis este acto”, asegurou o primeiro edil naronés, nunha aposta secundada por Alvariño de manter e incrementar a colaboración entre ambos concellos no futuro.

programación
A concelleira naronesa Mar Gómez agradeceu a participación de todas as persoas que se implican nesta iniciativa e explicou o desenvolvemento do programa desde mañá ata o domingo. Trala inauguración oficial da convocatoria a cargo dos representantes dos Concellos de Narón e Neda, terá lugar unha degustación de produtos típicos da zona. A convocatoria continuará o sábado, a partir das 12.30 horas, cando abran os postos que se situarán na zona do paseo marítimo, onde se poderán degustar unha gran variedade de caldos procedentes das diferentes bodegas. Ás 13.00 haberá unha nova degustación de produtos típicos da zona –entre os que ocuparán un lugar sobranceiro o pan de Neda e os pementos do Couto– ata as 15.30 horas, para retomar a actividade a partir das 17.30 horas.
Na última xornada de Xuviño, o domingo, os postos abrirán novamente pola mañá entre as 12.30 e as 15.30 horas. A degustación de produtos da zona será tamén ás 13.30 e ata as 15.30, cando os postos pecharán ata as 17.30 horas.
Desde a organización destácase que ademais dos locais nos que se degustarán os diferentes caldos, haberá dúas carpas con postos gastronómicos e de venda de produtos do Bierzo e tamén de artesanía. Tamén se instalará un parque infantil con diferentes xogos para os máis pequenos e sucederanse as actuacións musicais ao longo de todas as xornadas de exaltación dos viños. n