
A escritora ferrolá Ana María Galego Gen recolleu onte o quinto premio de literatura infantil e xuvenil Meiga Moira, que convoca Baía Edicións. Foi nun acto que se celebrou na librería coruñesa Lume.
Galego Gen gañou este premio, dotado con 2.500 euros e a publicación da obra, con “Bandeiras negras”, un libro que parte de “A illa do tesouro”, de Stevenson, para afondar na historia da muller de Long John Silver, de quen non se dan a penas datos. Así é como esta autora, profesora de lingua en Burgos, narra as aventuras de Providence, unha pequena escrava que se rebela contra o destino selado para as mulleres negras no século XVIII. Facéndose pasar polo mariñeiro Chris navegará cos piratas de maior sona.
O Meiga Moira tivo un xurado formado polas escritoras Marica Campo e Andrea Maceiras, así como os profesores María Dores Fernández López e Carlos-Paulo Martínez Pereiro. Do traballo da Galego Gen, presentado baixo o lema “Mago Chalupa”, destacaron que esta obra supón “a recuperación para a literatura galega do xénero clásico de aventuras e máis en concreto o da narración de piratas”. Ademais, subliñan que “incorpora unha perspectiva nova na voz narrativa feminina dunha escrava negra, reutilizando o recurso clásico da muller transvertida de home”. Tamén valoran a súa ligazón con “A illa do tesouro”, a riqueza na linguaxe e os recursos que implican ó lector no narrado e impídenlle deixar o libro.
Ana María Galego conta cunha ampla traxectoria de galardóns e mencións na literatura infantil e xuvenil, desde que en 1999 obivera o terceiro premio no Certame de Narrativa Cura organizado pola Consellería de Medio Ambiente con “Non era tempo de cacharelas”. Ademais, traduciu ó galego obras da literatura francesa como “Bouvard et Pécuchet”, de Flaubert, e “La Cousine Bette” e “Le Cousin Pons”, de Balzac, publicados en Toxosoutos.




















