Terras do Ortegal organiza un congreso que recapitula o paso de Cunqueiro por Ortigueira
Un equipo de sete profesionais do ensino, das letras ou da historia repasan os oito meses que estivo no concello

O Teatro da Beneficencia de Ortigueira acollerá o venres 2 e sábado 3 de outubro un congreso organizado por Terras do Ortegal, no que se recapitulará o paso de Álvaro Cunqueiro por este concello, ao que chegou en 1936 e onde permaneceu até mediados de maio de 1937. Neste encontro, de entrada gratuíta mais con necesidade de previa inscrición, participará un equipo de sete relatores, entre os que se atopan profesores, escritores, editores, ensaístas e historiadores de distintas procedencias.
A través do blog da revista Terras do Ortegal pódese acceder ao formulario que permite reservar praza neste congreso, así como consultar con detalle a programación, que comezará o venres 2 ás 16.00 coa recepción ás persoas asistentes e rematará ás 20.15 horas. Esta proposta titulada ‘Álvaro Cunqueiro en Ortigueira en 1936’ continuará ao día seguinte, entre as 10.00 e as 13.30 horas.
Os relatores serán a escritora Medos Romero, o director da cátedra Valente de Poesía e Estética, Claudio Rodríguez Fer; o cronista oficial de Ortigueira, Carlos Breixo Rodríguez, e o director de Ediciones 98, Jesús Blázquez González. Así mesmo, intervirán Armando Requeixo, secretario do Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades; José Martinho Montero Santalha, catedrático de Didáctica da Lingua e Literatura Galega da Universidade de Vigo, e María Camiño Noia, profesora emérita de Filoloxía Galega, tamén da UVigo.
Ademais, con motivo do congreso, a biblioteca municipal de Ortigueira Juan Fernández Latorre acollerá, do luns 28 ao 16 de outubro, unha exposición bibliográfica do autor.













