Aberto o prazo de prematrícula para o próximo curso na Escola de Música de Ortigueira
Este procedemento diríxese ao novo alumnado ou a quen xa estivera matriculado pero desexe cambiar de instrumento

Coincidindo co primeiro día de xuño abriuse o proceso de prematrícula da Escola Municipal de Música de Ortigueira, para o curso académico 2026/27. Este trámite, que permanecerá dispoñible até o mércores 15 de xullo, diríxese tanto ao novo alumnado (que deberá, como mínimo, cumprir os 7 anos neste 2026) como ao que xa estea matriculado pero desexe cambiar de instrumento ou engadir unha nova especialidade á marxe da elixida con anterioridade.
Aquelas persoas que continúen co mesmo instrumento ou que estean interesadas en cursar talleres, Música e Movemento, Pandeireta ou Instrumentos Tradicionais non deberán realizar a prematrícula, senón directamente a matrícula, cuxo prazo abrirá en setembro.
Así pois, as solicitudes para este trámite previo terán que presentarse a través do rexistro xeral do Concello de Ortigueira ou mediante o procedemento en liña dispoñible na sede electrónica municipal.
O feito de formalizar a solicitude non garantiza automaticamente a obtención da praza, confirmación que se realizará por parte da Escola de Música Municipal durante a primeira semana de setembro, indicando a dispoñibilidade de vacantes e os pasos a seguir para apuntarse definitivamente.











