Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Cultura

Cumpridos 90 anos dende o mitin que dera Castelao en Ortigueira

O icono das artes e da política galega falou publicamente na súa lingua o 13 de outubro do 1935 en Mera de Abaixo

Exposición na Casa do Concello de Ortigueira, inaugurada en febreiro, sobre a vida e obra de Rosalía e Castelao
Exposición na Casa do Concello de Ortigueira, inaugurada en febreiro, sobre a vida e obra de Rosalía e Castelao
Jorge Meis

Tal día como este mesmo luns, 13 de outubro, o escritor, debuxante e líder político ao que se lle dedica o 2025, Ano Castelao, deu o primeiro mitin despois do seu desterro en Badajoz. Esta histórica intervención, na que estivo acompañado de Antón Vilar Ponte, Ramón Suárez Picallo, Víctor Casas e Manuel Gómez Román, realizouse no lugar de Mera de Abaixo, en Ortigueira, no 1935.

Aquel día, cando o xornalista e escritor local Antonio Rivera Losada tiña 15 anos, fora recoller a Castelao xunto ao seu irmán a Xuvia, xa que despois do discurso iría á súa casa de Mera.

O acto do Partido Galeguista celebrouse pola tarde, sobre un palco que lucía as bandeiras galega e republicana. Neste escenario, os cinco oradores, aínda que algunhas fontes non rexistraran a presenza de Casas e Gómez Román, foron presentados polo que despois sería alcalde de Ortigueira, Alfredo Rebollar, de Izquierda Republicana.

Sobre o número de persoas que escoitaron ao rianxeiro en Ortigueira non existe consenso, rexistrando na prensa da época dende unhas 500 (La Voz de Ortigueira) até 3.000 (A Nosa Terra). Así mesmo, a crónica de Manuel Bermúdez en El Heraldo de Viveiro apunta que “foi un éxito rotundo. Por aquelas terras ortigueiresas nunca oíran falar na nosa ilustre lingua vernácula, e foi notoria a presenza de Castelao, o máis grande debuxante de Galicia, investigador da historia, escritor inconfundible”.

Repercusión

Este mitin formou parte dunha etapa clave na historia galega, na que a ideoloxía nacionalista chegou ao cumio coa aprobación do primeiro Estatuto de Autonomía en xuño do 1936, aínda que este non chegou a aplicarse debido ao levantamento fascista que tivo lugar no mes seguinte.

Xa no exilio, en Buenos Aires, Castelao publica “Sempre en Galiza” (1944), unha das súas obras máis destacadas, na que reafirma as ideas nacionalistas que probablemente quixeron esquecer “os que o tiñan desterrado”, tal como deixou escrito Celso Emilio Ferreiro nun dos seus poemas, denunciando que estes “agora falan ben del”.

Daniel nunca foi teu, porque Daniel é noso”, continúan os mesmos versos que resoan particularmente na actualidade cando, 90 anos despois daquela visita a Ortigueira, se lle dedica a nivel autonómico o ano 2025 a este político que trascendeu á historia como icono galego.