Espazos Sonoros despídese en Ortigueira con Rosana Orsini & Ensemble Freymut
O concerto de clausura pecha un programa baseado nos escenarios patrimoniais e a música antiga

O programa da Deputación Espazos Sonoros, que comezou a presente edición no convento de Santo Antonio de Herbón, en Padrón, recalará este sábado no teatro da Beneficencia de Ortigueira. Este será o concerto de clausura, a cargo de Rosana Orsini & Ensemble Freymut, que dará comezo ás 20.00 horas.
A soprano italo-brasileira únese neste proxecto á formación vienesa, integrada por Ching-Yao Wang, na frauta travesa; Helga Korbar, no violín barroco; Maria Danneberg, na viola de gamba, e Sobin Jo, no clave. Xuntos realizan unha proposta que focaliza nos contrastes estilísticos do barroco e nas conexións artísticas entre figuras referentes desta época.
Segundo sinalou Xosé Penas, deputado de Patrimonio e Contratación, Espazos Sonoros é “un festival cun selo de calidade, onde participan os mellores grupos do panorama musical internacional, e que aposta polo complemento de actividades arredor dese eixo central da música e do patrimonio”.
Desta maneira, o deputado apuntou un dos obxectivos principais, que é “poñer en valor o noso patrimonio e a música antiga”, e destacou tanto o labor do seu departamento como do equipo dirixido por Belén Bermejo para posibilitar a organización destes encontros.