O mañonés Ernesto González Seoane lémbrase da terra ao ingresar na RAG
No discurso aflorou a emoción e tamén defendeu combinar o carácter normativo do dicionario co uso real do léxico

O paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela acolleu este mesmo sábado 3 a cerimonia de ingreso de Ernesto González Seoane (O Barqueiro, 1962) na Real Academia Galega –RAG–. Co seu discurso, o mañonés ofreceu un percorrido pola historia da lexicografía galega e universal que lle serviu como punto de partida para unha intervención na que tamén tivo tempo de lembrar a súa terra e a persoas do seu círculo máis próximo entre outros agradecementos.
“Confésolles que me sinto un tanto abrumado diante da responsabilidade que supón incorporarme a unha institución centenaria, da que formaron parte figuras centrais na historia das letras e da cultura galegas”, sinalou González Seoane, mais tamén “moitos dos meus mestres e algúns compañeiros de xeración, referentes todos eles da lingüística e a filoloxía galegas, entre os que figuran as académicas e académicos que propuxeron o meu nome e a quen lles agradezo este xesto de amizade: Rosario Álvarez, Ana Boullón, Manuel González, María López Sández, Xosé Luis Regueira e Antón Santamarina”.
Este último foi quen respostou ao catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa, apuntando en nome da RAG que agardan que o novo membro do pleno “poida seguir facendo importantes contribucións á lingüística galega como leva feito ata o presente”. Non obstante, Ernesto González Seoane deu conta antes da “débeda coa miña Universidade”, a súa “alma máter” compostelá, que lle proporciounou anos de formación, de docencia na Facultade de Filoloxía, da que foi decano, e de investigación no Instituto da Lingua Galega.
Tamén se lembrou do historiador, arqueólogo e etnólogo Federico Maciñeira, “natural coma min do Barqueiro, o seu nome estará por sempre ligado ao concello de Mañón e ás terras de Ortegal”, parafraseando que “un non decide onde nace, pero dalgún xeito queda por sempre vinculado sentimentalmente ao lugar en que viu a luz por primeira vez, e con máis motivo cando esta visión primeira do mundo foi o mar do Barqueiro”. Así mesmo, entre os agradecementos fixo espazo para a familia e amigos, “moi especialmente os meus netos, os meus fillos e por riba de todo Flori, con quen comparto a vida desde hai máis de 40 anos: son o máis importante que me pasou na vida, eles sábeno e isto abonda”.
Ademais, fixo referencia con gran pracer ao seu precedesor, Bernardino Graña, un xesto tradicional nestas sesións de ingreso que valora polo feito de “suliñar a continuidade no tempo da institución fronte ao paso efémero por ela das persoas que en cada momento a coforman”, constatando que el se suma agora a “unha cadea que ten punto de partida pero non un final. Neste caso, a orixe márcaa nada menos que Valentín Lamas Carvajal”, e nomeou aos titulares da cadeira até chegar ao “poeta do mar”, falecido o ano pasado.
Porvir da lingua
“O futuro da lexicografía será dixital ou non será”, declarou o membro da RAG, que ademais defendeu a conciliación do carácter normativo do dicionario co “uso real do léxico” a través dun novo rexistro descritivo.
“A función do dicionario como axuda para a lectura quedou un tanto desatendida ao desaparecer del un importante volume de léxico dialectal e literario non incluído no estándar. De por parte, deu lugar a algunhas interpretacións fundamentalistas do texto lexicográfico, consistentes en considerar que todo aquilo que non figuraba nel non era galego ‘correcto’”.












