O filólogo mañonés Ernesto González Seoane ingresa este sábado na Real Academia Galega
Nacido no Barqueiro e catedrático da USC, pronunciará o seu discurso no Paraninfo de Xeografía e Historia

O filólogo mañonés Ernesto González Seoane (O Barqueiro, 1962), catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela, ingresará este sábado na Real Academia Galega (RAG) como membro de número nunha cerimonia que terá lugar no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia desde ás 12.00 horas.
Na sesión, que poderá seguirse en directo a través de academia.gal ou da canle de YouTube da institución, González Seoane lerá unha versión abreviada do discurso ‘Reflexións arredor da prescrición a e descrición no dicionario (académico)’ e será Antón Santamarina, en nome da RAG, quen lle dará resposta nunha contribución que, xunto coa do novo numerario, estará recollida na publicación coa que serán agasalladas as persoas asistentes e tamén na propia web da Academia.
O mañonés cubrirá a vacante que deixou o escritor Bernardino Graña logo do seu pasamento e co seu nomeamento a entidade recoñece “as súas achegas ao campo da lingüística galega, que atinxen temas diversos”. Membro correspondente desde 2004 e do Seminario de Gramática, explica a RAG que “a lexicografía, a estandarización do galego e mais a explotación dos corpus lingüísticos” son os tres campos nos que centrou o seu labor investigador nos últimos anos, “vinculado sempre ao Instituto da Lingua Galega da USC”.
Na Universidade compostelá doctorouse en 1992 cunha tese centrada na codificación gráfica e gramatical do galego no século XX, que mereceu o premio extraordinario, e é profesor nela desde 1986. Realizou estadías científicas e docentes en Nova York, Washington e Bos Aires e ocupou o decanato de Filoloxía (2004-2012), a direción do ILG (2013-2018) e a vicerreitoría de Profesorado da USC.
Entre outros traballos, destaca o seu papel como coordinador do ‘Dicionario de dicionarios do galego medieval’ (2006) e a coedición de obras colectivas como ‘A estandarización do léxico’ (2003) ou ‘A lexicografía galega moderna. Recursos e perspectivas’ (2008).












