Comeza a ‘Memoria dun Tempo’ no Barqueiro: grandes datas para Nordés, neste 2026 lembrando os 90 anos do golpe de Estado
As XVI Xornadas da asociación da Serra da Faladora renderán homenaxe ademais á mestra Hilda Farfante

Nordés inaugura este xoves 20 no centro sociocomunitario do Barqueiro (estrada de Viveiro 3) os tres días das Xornadas ‘Memoria dun Tempo’, que acabaron dando orixe á entidade organizadora mesma. Con motivo dos 90 anos que se cumpren neste 2026 do golpe de Estado que daría inicio á Guerra Civil e décadas de ditadura franquista, e cos seus conseguintes ecos aínda na actualidade, nesta XVI edición voltan á orixe e dedícanse integramente ao concello de Mañón, de onde son parte dos nomes que honra o Monumento ás Vítimas do Franquismo de Ferrol. Ademais, renderase homenaxe á mestra Hilda Farfante Gayo (1931-2026), unha muller asturiana cunha “forza de comunicación tremenda”, que colaborou con esta iniciativa ao longo da súa traxectoria, como parte do seu traballo activista pola memoria democrática que desenvolveu a nivel español.
Esta convocatoria pecha un círculo que comezou no 2011 coa celebración dunhas palestras que se converteron na primeira edición destas xornadas divulgativas, sempre arredor do período que vai “dende o inicio da República ata o 1975”, calcula Luis Real, un dos socios fundadores, historiador de formación e responsable da organización desta proposta. Se en anteriores ocasións os encontros centráronse, por exemplo, en distintas situacións de mulleres durante o franquismo ou no afundimento do submarino diante de Estaca de Bares, desta volta repítese o fío condutor de fai 15 anos: a zona de Mañón.
Por este motivo, vólvese convidar a Emilio Grandío Seoane, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela con raíces neste concello, que xa participara naquela primeira xuntanza. Este sentará nunha mesa redonda o xoves 20, a partir das 20.00 horas, con Hixinio Puentes, Cronista Oficial de Mañón, e Xosé Manuel Suárez, doutor en Xeografía e Historia pola UNED.
Por esta orde, os relatores ofrecerán unha visión de contexto sobre a sociedade local na II República, falarán do acontecido en xullo do 1936 no municipio en xeral, e particularmente no Barqueiro, e o ferrolán pechará dando conta da represión dos mañoneses que loitaron contra a sublevación. “Normalmente non fusilaban no propio concello á xente coñecida”, explica Luis Real, polo que boa parte deses veciños foron “asasinados en Ferrol, e moitos deles están enterrados en Serantes”.
Antes de despedir as Xornadas ‘Memoria dun Tempo’, ao día seguinte co acto participativo, venres 21 quedarase no mesmo lugar e hora para escoitar a Carlos Nuevo Cal, presidente do Seminario de Estudos Terra de Viveiro e Cronista Oficial deste concello; Lucía Santiago, investigadora do grupo Histagra (Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX) da USC e parte do equipo do Plan de Memoria Democrática de Galicia, e Fernando Ocampo, directivo da asociación cultural Memoria Histórica Democrática.
Neste caso falarase das persoas ‘paseadas’ en Ribeiras do Sor, onde se atopa unha foxa que “xa foi exhumada nos anos 50, pero non foron entregados os restos aos familiares: foron movidos de fóra do cemiterio a dentro”, rememora o impulsor, apuntando que, precisamente, Lucía Santiago está implicada no proxecto que trata de obter os permisos para volver abrila. Así mesmo, nesta xornada descubriranse “lugares da memoria” como a Ponte Vella, onde “fusilaban a xente de Viveiro, Ribadeo...” ou o nomeado camposanto, que foi testemuña de asasinatos de cedeireses e ortigueireses.
“Despois de tantos anos de ter calado este tema vemos que interesa”, valora Luis Real, coa ollada posta naquela primeira edición que encheu o salón do antigo Cine Béaz do Barqueiro, cando xa estaba asentado en Tenerife a pesar de cumprir todos os veráns coa visita ás súas terras. Para organizar aquel encontro pioneiro fundaran o colectivo Memoria e Dignidade, antes de nacer Nordés no 2013.
No transcurso destes 15 anos de ‘Memoria dun Tempo’, as Xornadas foron collendo a súa forma definitiva, mantendo “unha boa media de 40 ou 50 persoas” asistentes, e instaurando novas tradicións, como a que terá lugar o sábado 22, ás 13.00 horas, na Ponte Vella. “Convidamos a toda a xente a que veña co seu texto, o seu poema, a súa canción, a súa reflexión, o seu testemuño... É un acto aberto, participativo”.
Igual que ocorre en todas as actividades que propón Nordés (Asociación de Desenvolvemento das Terras da Faladora), a entrada ás anteriores sesións divulgativas tamén é libre, coa posibilidade de participar nunha rolda de preguntas.
Hilda Farfante
“Tiña cinco anos cando os seus pais foron desaparecidos; eran mestres tamén, moi queridos na súa zona”, relata Luis Real sobre a homenaxeada, que “dedicou a súa vida” a buscalos: “un traballo calado, despois un pouco máis aberto”, unha vez chegada á fin da ditadura. “Nas segundas xornadas apareceu aquela muller, e como era tamén a cousa a micro aberto, empezou a falar” deixando a todo o público pasmado, lembra, tanto pola súa historia vital como polo seu xeito de comunicar.
Nas seguintes convocatorias das Xornadas, Hilda Farfante foi unha das protagonistas, e “sempre que podía viña, colaboraba, estaba nos actos da Ponte, sobre todo, sempre participando”, destaca o organizador, sinalando que a mestra representaba por completo á asociación “por ese espírito de loita que mantivo ata o último día”. Mais, o seu labor foi máis aló e foi recoñecido a nivel de todo o Estado, pasando á historia polo seu popular “grito” polas vítimas do franquismo, e “foi ao Congreso dos Diputados cando se aprobou a Lei da Memoria”, sinala.
O organizador tamén advirte de que a homenaxe “vai ser unha cousa moi modesta”, en consecuencia cos medios dos que dispón a asociación, mais un xesto imprescindible para honrar “a nosa amiga, mestra, compañeira Hilda Farfante”.
Nordés
Nun xantar celebrado no marco das segundas Xornadas xurdiu a idea de fundar unha asociación “para dinamizar a zona, non só no aspecto da memoria histórica, porque botábamos en falla que houbera unha programación cultural, un poñer en valor as cousas da bisbarra, sobre todo do concello de Mañón”, explica Luis Real.
De feito, a primeira actividade organizada por Nordés foi un encontro no que “recuperamos a figura de Federico Maciñeira, arqueólogo nacido aquí, no Barqueiro”. Coma ocorre con ‘Memoria dun tempo’, “sempre fomos contando coa colaboración de moitísima xente con moito nivel académico e persoal”, que permitiron ir “abrindo o espectro” para propoñer unha ampla variedade de temáticas, que poden estar relacionadas co coidado da natureza (participación no Proxecto Ríos de Adega ou limpeza de praias), o sector agroalimentario (cursos de poda de froiteiras ou saídas para recoller setas e cogumelos) e o patrimonio (revalorización da arte sacra), entre outros.
A Asociación de Desenvolvemento das Terras da Faladora está formada por “veciños e veciñas, amigos, persoas doutros concellos e hai xente asociada que incluso non é nin de Galicia”, resalta o impulsor, deténdose ademais na particularidade do territorio ao que xa fan referencia no seu nome completo. Toda a acción vencéllase sempre a esta serra, que “vai da Estaca de Bares ata As Pontes”, acadando distintos concellos, a pesar de que Nordés desenvolve a súa actividade en tres deles: Mañón, O Vicedo (xa pertencente á provincia de Lugo) e, “de vez en cando, en Loiba e Espasante, que é a parte de Ortigueira que máis tocamos”.














