Seca desatada
A seca desatada que hoxe atravesa Galiza non é un episodio illado nin unha anomalía meteorolóxica que poidamos atribuír ao azar. É, pola contra, unha demostración máis —e xa son moitas, demasiadas e desatendidas— das consecuencias que está a producir o acelerado proceso do cambio climático, cada vez máis visible no noso territorio. O paradoxo é evidente: nun ano que comezou con chuvias en cantidades superiores ás habituais, mesmo excedendo a capacidade de almacenamento do subsolo, agora asistimos a unha sucesión de alertas institucionais que afectan a case todo o territorio. Esta alternancia brusca entre auga desbordada e seca extrema non é un ciclo natural nin un relato mítico de abundancia e fame, como aquelas pragas exipcias que a tradición converteu en metáfora. Esta realidade é tendencia, e vén para quedarse.
A primeira metade do ano deixou unha paisaxe saturada de auga, con ríos e encoros ao límite e unha falsa sensación de tranquilidade hídrica. Mais a segunda metade demostra que esa abundancia non garante nada nun contexto climático alterado. A evaporación acelerada, a falta de episodios de chuvia continuada e a incapacidade dos sistemas naturais para reter humidade nun territorio cada vez máis quente provocan que o que antes era reserva agora se converta en ausencia. A seca non chega devagar: irrompe, avanza, impón a súa lóxica de esgotamento.
Este escenario obriga a abandonar a idea de que a variabilidade meteorolóxica é un fenómeno cíclico e controlado. Non o é. A combinación de temperaturas elevadas, cambios bruscos na circulación atmosférica e unha presión humana crecente sobre os recursos hídricos está a configurar un novo tipo de clima, extremo e imprevisíbel. Non se trata de episodios illados, senón dun patrón que se repite con maior intensidade e frecuencia. A asolagamento seguido de seca imparábel é xa unha secuencia recoñecíbel, unha marca do tempo que estamos a crear coas nosas industrias, sistemas de consumo e modelos de ocupación do territorio.
Por iso, é hora de acometer con urxencia medidas políticas e sociais que afronten sen demora este escenario, cunha visión de longo prazo e compromiso colectivo firme. Non abonda con activar alertas nin con pedir moderación no consumo. Cómpre infraestruturas de almacenamento máis eficientes, capaces de conservar a auga excedente dos períodos de chuvia intensa. Cómpre revisar a fondo os sistemas de subministro, evitando perdas que nalgúns concellos se achegan a unha cuarta parte do total distribuído. Cómpre planificar con rigor a xestión das augas subterráneas, reforzar a protección das zonas húmidas e integrar criterios climáticos en todas as políticas públicas.
A seca desatada é un aviso, pero tamén unha oportunidade para actuar con responsabilidade. O territorio non pode seguir soportando un modelo que o esgota. A adaptación ao novo clima non é unha opción: é unha obriga ética, social e política. O futuro dependerá da capacidade colectiva para asumir que o tempo mudou e que só unha acción decidida poderá garantir que Galiza siga sendo un lugar habitábel, sustentábel e consciente da súa propia vulnerabilidade. O futuro esíxeo agora.
