Resultados
Houben de agardar abondo para lle poñer o ramo a estas liñas. O partido final da Champions League desta tempada 2025-2026 alongouse moito máis do que eu tiña previsto, máis aínda á vista de como se desenvolveu o xogo nos 134 minutos en que correu o balón, sen contar o tempo dos penaltis, claro.
Hai equipos feitos para gañar e para dar espectáculo e non só para vencer a custo do que for. Así, atopamos seguidores do fútbol que van aos campos –ou fican diante do televisor– para ver gañar os equipos das súas preferencias, á marxe totalmente de se os partidos son divertidos ou simplemente se pode ver a vinte xogadores correndo e dándolle patadas a unha pelota. A este tipo de espectadores as vitorias sérvenlles para mitigar dificuldades, desgustos ou frustracións da súa vida cotiá e, mesmo, sentirse importantes e orgullosos do seu equipo. O de menos é o fútbol, o goce de ver como se move a pelota, como se regatea... Eu, obviamente, quedo coa xente que gusta das vitorias cando estas se conseguen con xogo vistoso e goles froito de xogadas ben elaboradas e non do azar ou de desgrazados erros dos contrincantes. Todos os tantos valen o mesmo, certo é, mais esa igualdade non ten parangón co modo de logralos. Hoxe o PSG –téñollas visto mellores– deu unha auténtica lección de como se xoga ben ao fútbol. Nada menos que un 72% de posesión nunha final. Que o Arsenal defende moi ben non o poño en dúbida, mais xogar, o que é xogar, non xoga moito, que digamos. Que se pode gañar así é unha evidencia, de feito acábase de proclamar campión da Premier dando moi pouco espectáculo. E dígoo con convencemento, porque lle vin bastantes partidos neste último campionato inglés. Ao meu entender, faltoulle a alegría que mostraran vencedores de anos anteriores, como o Manchester City ou o Liverpool.
Antes de xogarse as semifinais, estaba convencido de que a final ía enfrontar estes dous equipos, que, polo que lles vira en partidos previos, me parecían superiores aos contrincantes semifinalistas. Así foi, se ben as diferenzas anotadoras foron mínimas: dun único gol en ambos os casos. Iso si, o PSG meteu 6 tantos e o Arsenal só 2.
O Arsenal clasificou sen máis, fronte o Atleti, mais o enfrontamento entre o PSG e o Bayern, 5-4 no parisino Parque dos Príncipes, foi, moi posiblemente, o mellor partido que vin, cando menos, no que vai de século. Que derroche de enerxías e de fútbol ben creado! E iso que nestes cinco lustros teño en mente algúns partidos excelentes. Lembro especialmente o Barça-PSG xogado en Barcelona nos octavos de final da Champions 2016-2017, que acabaría gañando o Real Madrid. O Barcelona, que perdera 4-0 en París, acabou gañando no Camp Nou 6-1. Alí estaban os Suárez, Messi, Neymar, Busquets, Iniesta, Turan, Rakitic, Piqué... enfrontándose cos Cavani, Verrati, Rabiot, Thiago Silva, Marquinhos, Draxler, Di María... Canto xogadorazo!
Case ao mesmo nivel poñería o partido de cuartos de final da Champions de 2003-2004 xogado en Riazor entre o Deportivo –parabéns, por certo, polo ascenso a Primeira– e o Milán. Na capital lombarda gañara o conxunto italiano 4-1, resultado difícil e remontar. Fran, Valerón, Djalminha, Mauro Silva, Molina, Naybet, Pandiani, Luque... Fixérono, tendo enfronte a Pirlo, Gattuso, Kaká, Shevchenko, Cafu, Maldini, Inzaghi, Rui Costa, Seedorf... Alí estiven.
Hoxe o partido foi menos vistoso e gañouno quen máis méritos fixo. Penso.
