Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Aquel voto de Chanteiro

Houbo un tempo, aló polo ano 1404, no que nos vimos azoutados por unha peste terrible que provocou unha morea de mortos. No século XV, cando os humanos non atopaban solución aos grandes problemas, acudíase á divindade. Así que se pensou en recorrer á Virxe da Mercé para que lle ensinara a porta de saída á peste cando en realidade deixara aberta a cancela de entrada. Natural, as divindades non poden estar en todo. E a peste entrou con estrondo deixando á cidade de Ferrol baleira de clérigos, hai que ver, ademais de levarse por diante a moita xente da nosa terra. Os devotos en vista daquela desfeita, dispuxéronse a facer rogativas e decídese que xentes de Ferrol, Mugardos, Ares e A Graña, coas autoridades respectivas á fronte, se axuntaran no peirao de Mugardos e, reunidos en procesión, con pendóns e todo, levaran como ofrenda unha canastra de flores e seis libras de cera en agradecemento á virxe da Mercé de Chanteiro por ter rematado coa peste. Así que, dito e feito: todos os anos, dous días despois do Pentecostés, estableceuse ese voto coa categoría de perpetuo, pero nada o é, e Ferrol, aló polo ano 1839, decidiu que aquilo de ir en procesión con pendóns, cantando salmos e levando flores e cera dende Mugardos a Chanteiro era un verdadeiro “coñazo”, así que decidiron facer “mutis” organizando eles a ofrenda na igrexa do Socorro da cidade onde se venera á virxe pero con outro nome. Mellor sós que en compaña e con menos troula, deberon pensar. 

Sabían que no ano 1948 o Concello da vila de Mugardos enchoupado naquel nacional-catolicismo da época ofreceu á virxe da Mercé a medalla de ouro da vila? Por unha vez, e sen que sirva de precedente, pois foi a primeira distinción e a última, xa que nunca, ata os nosos días, ninguén máis foi merecente de semellante recoñecemento. Houbo donativos, dende as 1.400 pesetas da Unión Mugardesa da Habana ata outros dunha peseta. Recadáronse 10.053 pesetas, a medalla custou 3.000 e o total de gastos deste evento ascendeu a 8.212 pesetas. Luz e taquígrafos.

Imaxino que esa medalla de ouro pende hoxe do colo da imaxe da virxe malia que eu en puridade non volo podo acreditar.