Lembranza dun amigo
Cheguei a Manuel Rivas Garcia pola mediación dun amigo común , Ramón Regueira, filósofo tamén, que me dixo: —Tes que coñecer ao Manolo Rivas que logo de xubilarse elixiu Ferrol para vivir e seguro que faredes boas migas. E así foi.
Manuel Rivas García era licenciado en Teoloxía pola Universidade Pontificia de Salamanca e Doutor en Filosofía pola de Santiago. Estivo como catedrático de Filosofía no instituto Rosalía de Castro en Compostela, foi fundador da Aula Castelao de Filosofía en Pontevedra xunto ao seu amigo Regueira , e temporalmente membro da Sección de Pensamento do Consello de Cultura de Galicia. Ten unha morea de libros e artigos publicados e denantes de irse coa discreción que o caracterizaba dixérame que estaba traballando sobre a obra e a figura de Chao Rego, encomenda que xa tiña case rematada. Sería fantástico que esta obra puidese chegar á xente. Galicia estaba sempre no seu pensamento. A súa teses de doutoramento xirou sobre “O Pensamento ilustrado na Galiza do XVIII”.
Todo iso e máis era o Manuel Rivas, pero sobre todo para min foi o amigo, ese cuxo concepto da amizade estaba por riba dos parámetros ao uso. Tratabamos de atopar a oportunidade para vérmonos e falar, e no que a min concirne aprender, saber de cousas e de xentes que foron fundamentais no devir cultural da nosa terra, como por exemplo do profesor Dino Pacio Lindín ou do matemático Xosé Rodríguez, fuigura europea, natural dunha parroquia do Deza, dos que eu ben pouco sabía e el tanto admiraba. Aqueles cafés nosos estaban edulcorados coa súa didáctica , co seu verbo mesurado sempre a prol de Galicia e da súa xente. Aquelas conversas eran un pracer para o espírito.
Embarcárame nun proxecto, a cuxo barco subín encantado. Tratábase de que eu falara á xente da nosa idade, e dicir maior, sobre os matices que poderían diferenciar a Canción Galega da Nova Canción Galega, regada a cousa con ilustración musical. Razón alleas a nosa vontade impedírono no seu intre. Deixámolo para a primavera, Xoán! dicíame. Pero Manuel foise na primavera sen balbordo algún, tan asisadamente como andaba pola vida. Vouno botar de menos, abofé.
