Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Hai perto de 60 anos, cando era un mozo estudante na Universidade de Santiago, descubrín que había un bon número de palestinos –tamén doutras nacións árabes de Oriente Medio– que, moi maioritariamente, cursaban medicina. Algúns, non moitos, acabaron por quedar en Galicia –onde se converteron nuns galegos máis–, se ben a maior parte marcharon para a súa terra para botar unha man na procura dunha solución para a problemática situación que padecían, que, se daquela era horrenda, hoxe é aínda peor. Poucas inxustizas como esta padeceu a humanidade en todos os séculos da súa existencia. Como non podía ser doutro xeito -afortunadamente, hai persoas solidarias aquí e acolá-, en todo este tempo houbo e hai infinidade de xentes que defenderon e seguen a defender a xusta causa palestina, non outra que a de poder vivir libremente na súa terra, na que lles pertence desde tempo inmemorial. Son, de sempre, radicalmente semitas, directamente descendentes de Sem, tanto como os que máis. Que os semitas nunca foron loiros e de ollos azuis. 

As mostras de solidariedade cos dereitos do pobo Palestino, son, pois, actos que honran a quen os fai. Tal así o que hai poucos días realizou Lamine Yamal enriba do bus descapotado que percorreu as rúas da cidade de Barcelona para festexar o triunfo do Barça na Liga 2025-2026, após a vitoria sobre o Real Madrid do domingo pasado. Como é máis que sabido, porque as imaxes se difundiron en innúmeros lugares, o excepcional xogador do F.C. Barcelona e da Selección Española apañou un mastro coa bandeira palestina que lle ofreceu un siareiro e ondeuna durante un treito do percorrido. Bravo por el. Xestos como o seu teñen un valor inmenso, dada a popularidade da que goza en boa parte do mundo.

Quen non gustou, como era de esperar, foi o goberno sionista israelí –ese que leva masacrados milleiros de inocentes palestinos–, tal como demostra o tuit que colgou o seu ministro de Defensa, Israel Katz, contra o acto humanitario do excelso futbolista blaugrana, por consideralo unha incitación contra Israel e contra o pobo xudeu. De onde tira iso? Eu non vin tal incitación ao odio. E que dicir da apelación ao Barça? : “Espero que un club grande e respectado como @FCBarcelona se desmarque destas declaracións e deixe claro que non hai lugar para a incitación nin para o apoio ao terrorismo”. Desde cando ondear unha bandeira palestina é un apoio ao terrorismo? Estamos tolos ou que? Que pretende, que o Barça manifeste o seu apoio ás ocupacións ilegais e aos masacres? Porque, se de calquera xeito censurase o xesto de Lamine, iso é o que se deduciría de acordo coa liña argumental do ministro. Se ondeas bandeiras palestinas apoias o terrorismo. Se reprimes facelo apoias os masacres xenocidas. Non hai outra. “Os que consideran que ondear a bandeira dun Estado é “incitar o odio”, perderon o xuízo ou foron cegados pola súa propia ignominia. Lamine só expresou a solidariedade por Palestina que sentimos millóns de españois. Outro motivo máis para estar orgullosos del”, manifestou, sen ofender ninguén, Pedro Sánchez ao respecto.

Hoxe é Día das Letras Galegas e, se cadra, non estaría de máis lembrar que un dos citados palestinos estudantes de medicina foi Ghaleb Jaber Ibrahim, fundador da produtora compostelá CTV, que tanto leva feito na defensa do galego no audiovisual.