Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

María Reigosa, enxeñeira de Camiños, chegou á corporación municipal de Lugo, xa iniciada a lexislatura, como consecuencia do corremento da lista motivado pola elección como parlamentaria autonómica da alcaldesa e os falecementos da alcaldesa substituta e dun concelleiro. Ao parecer –tense dito–, practicamente desde o principio, non se atopou moi cómoda na súa situación de concelleira, mais non deixou o cargo, o que semellaría máis correcto; ela saberá por que non o fixo. Preferiu cometer felonía –”deslealdade”, “traición”, “acción fea”, que din os dicionarios– pasándose, co seu voto, ao outro bando. Facilitou o triunfo dunha moción de censura e un cambio de gobernanza.

Eu, que non me podo gabar de fidelidades absolutas, nunca faría cousas tales. Nin os meus fillos tampouco. Abofé.

Á vista deste caso de Lugo, veume á cabeza, como non, porque estas cousas hai que lembralas, o sucedido, hai case 23 anos, na elección presidencial da Comunidad de Madrid. Dous dos deputados, Eduardo Tamayo e María Teresa Sáez, mudaron o sentido do seu voto e impediron que o candidato do partido polo que foran eleitos acadase a maioría precisa para ser presidente. Houbo que repetir as eleccións –non como no caso de Lugo– e, aínda que polos pelos, gañou o partido ao que eles lle facilitaran a manobra.

Daquela a hoxe a historia da gobernanza da comunidade autónoma madrileña dá sobradamente para mil historias novelísticas e/ou cinematográficas. Tan ou máis exitosas que Fariña -texto e serie televisiva- de Nacho Carretero. Ou iso penso e creo.

Demisións, condenas, sobreseimentos, tramas corruptas, falsificacións documentais...

Hoxe goberna Isabel Díaz Ayuso, que está -como tantas veces- nas primeiras planas polas súas andanzas por terras mexicanas. Sempre dando a nota. A equivocada, claro. Mais é obvio que non é a responsable única de todas as súas meteduras de zoca, que non son poucas. Iso si, non máis que as do seu xefe de filas. Ao meu entender o comunicado da Comunidade de Madrid, de antonte, é un cúmulo de despropósitos. O final non ten desperdicio: la presidenta de México ha expulsado a Isabel Díaz Ayuso amenazando a los organizadores de un evento de cine Internacional. Un gesto sin precedentes contra un representante del Estado español, la cultura y la libertad de empresa y de expresión”. Que eu saiba, os presidentes de comunidades autónomas só ostentan esa representación nas súas propias comunidades. Velaí o que di o artigo 17.1 do Estatuto de Autonomía madrileño ao respecto: “El Presidente de la Comunidad de Madrid ostenta la suprema representación de la Comunidad Autónoma y la ordinaria del Estado en la misma”. Fóra de aí, xa que logo, nada. Non coñecen a propia lexislación? Ou? Por outra parte, todo apunta a que o da expulsión por parte da presidenta de México ou das ameazas desta aos organizadores coa suspensión da gala dos Premios Platino se acudía Ayuso non é máis que un bulo máis deses que, por desgraza, tanto circulan. Foron os propietarios do grupo hosteleiro onde se celebra a gala –e non a presidenta Claudia Sheinbaum– os que pediron aos organizadores que lle retirasen o convite a Ayuso para “prevenir que el evento sea utilizado como plataforma política en lugar de la celebración del cine”, tal e como fixeron público.

Ir venerar Hernán Cortés a México demostra un descoñecemento (ou desprezo?) absoluto do que ese país é.