Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Un libro de historia compostelá

Hai 4 días, na mañá deste pasado xoves, despraceime a Santiago para asistir á presentación dun libro, que, unha vez lido, me parececeu do máis interesante, De Mazarelos a Vista Alegre : Medio século da Facultade de Filoloxía da USC, editado pola Universidade, a Xunta e a propia Facultade de Filoloxía. Con este relevante acto –a mesa de oradores (reitor, conselleiro de Educación, alcaldesa, decano e vicedecana do centro) é proba evidente desa relevancia– a Facultade pon fin –en teoría, que na práctica hase de ver, segundo manifestou algún dos oradores do acto– a un bo número de actividades celebradas ao longo deste ano 2025 ao redor da efeméride dos 50 anos de existencia. Entre elas, o grande concerto “Scripta manent, verba volant”, celebrado en febreiro no Auditorio de Galicia, no que participaron artistas vinculados nalgún momento á Facultade como Xurxo Souto, César Morán, O Leo, Antón Reixa, Uxía ou os Filólogos de Ataque Escampe Manuel Solleiro, Miguel Mosqueira e Álex Charlón. Por desgraza, non puiden acudir, mais pódese ver e escoitar na rede, que non é o mesmo, claro, pero algo é algo. 

A Facultade de Filoloxía, stricto sensu, non é a miña alma mater, pois esta sería a de Filosofía e Letras –onde me licenciei en Románicas-Español–, desaparecida por fragmentación, sendo Filoloxía un dos anacos resultantes dese todo. Mais iso non significa que non me toque de perto. No propio 1975, cando aparece a nova Facultade, entro como profesor de Lingua Galega do Colexio Universitario da Coruña, materia adscrita á cátedra de Lingüística e Literatura Galega que dirixía o doutor Carvalho Calero, que me brindou un lugar de traballo no departamento, malia que non impartise docencia nese centro sito en Mazarelos. Era un edificio rehabilitado, que fóra a Schola Grammaticorum –de aí a rúa Tránsito de Gramáticos, pola que pasaba diariamente para ir á Facultade no meu primeiro curso– e, máis tarde, sede do primeiro instituto de secundaria de Santiago. “Mazarelos (corrente de conciencia) ou Tránsito dos Gramáticos”, titula Manolo Forcadela a súa fermosa colaboración neste volume do que estamos a falar.

Nas aulas desa recén estreada Facultade de Filoloxía fixen os estudos de Hispánicas (Galego-Portugués) e defendín a miña tese de doutoramento en decembro de 1980. Fará, pois, 45 anos un día destes. E, xa no profesional, nese edificio era onde tiñan lugar as reunións do Departamento de Filoloxía Galega, do que era membro de pleno dereito como profesor titular, ás que asistía con absoluta regularidade. Tamén alí impartín varios cursos de terceiro ciclo, ou doutoramento, que agora, maldita ianquinización, chaman másters ou másteres.

A miña relación co novo edificio, sito en Vista Alegre (ou Vite?), xa foi menor. Fóra de visitas a colegas, as miñas presenzas nel, digamos oficiais, limitáronse a formar parte dun certo número de tribunais de oposicións ou xuris de teses de doutoramento, actuantes na Sala de Graos –xusto embaixo do Salón de actos-Auditorio, no que se presentou o libro– nos que sempre me sentín moi ben tratado, como se fose un máis da casa. Como me sentín o xoves.

Non me resta máis que parabenizar o decano Elías Torres, meu benquerido amigo, e o seu equipo de goberno e colaboradores por este magnífico –para min tamén entrañable– libro de intrahistoria, que non teño dúbida de que é a máis auténtica.