Fragmentos de GTB
Di o amigo Henrique Dacosta, que mañá xoves presenta a súa nova novela “Mortes con argumento”, que “aquilo que coñeces é moito máis literaturizable”. Así, el nunca obviou referencias xeográficas locais, á marxe de evitar situacións incómodas ou improcedentes, no caso das identidades persoais.
Seguramente, isto dálle a todo traballo literario a certeza de que está a achegar ao lector un relato que resulta crible, porque aínda que non sexan uns escenarios que viva no seu día a día, si permite mergullarse nunha historia, que para nada vaille aparecer como estraña.
Era Mario Vargas Llosa – supoño que algún autor ou autora máis– quen dicía que só se podía escribir sobre o que se coñecía. En definitiva, por darlle un poder de persuasión máis efectivo.
Outro dos autores que poderíamos reflectir aquí sería o propio Gonzalo Torrente Ballester, pero por non quedar na cidade naval, vir a mencionar a súa novela “Fragmentos del apocalipsis”, que mestura a ficción e a realidade, para nos vir contar a historia da cidade de “Villasanta de la Estrella”. É dicir, Santiago de Compostela, e as tribulacións dun escritor que pretende construír unha novela, que non pretende ser unha obra realista, senón testemuña dunha realidade.
