Reconciliación
Así titula o rei “demérito” as súas memorias que xa apareceron en Francia e en francés, quizais pola súa ascendencia borbónica, que tanto ten que ver co país veciño, vaian saber. Unhas memorias que está claro intentarán lavar a imaxe dabondo ben sucia dun monarca nomeado a título de rei por Francisco Franco, a quen lle debe estar moi agradecido, posto que nelas non oculta a súa afinidade polo ditador, faltaría máis. Reconciliación? Non sei se con estas memorias pretende reconciliarse coa cidadanía ou o que procura é que esta se reconcilie con el. En calquera caso, contos da China, porque está moi claro que unhas memorias escritas en primeira persoa por este vividor estarán cheas de “fake news” co gallo de convencer de que todo o que fixo ao longo da súa disoluta vida foi por España e os españois. Hoxe sabemos que non houbo un borbón cuxa preocupación non fose antepoñer os seus asuntos –intereses– aos do pobo. Así que non sei que novidades nos vai contar o exmonarca nas súas memorias fóra dos desmáns que xa se coñecen. Que non tivo nada que ver co golpe de Estado do 23-F? E nós imos e crémolo. Que os seus escarceos convertidos en turbias relacións amorosas só foron unhas relacións de pura amizade, pois tamén. Hoxe sabemos que a súa sinxela amizade coa vedete Bárbara Rey custoulle ao erario público máis de 600 millóns daquelas nosas e antigas pesetas. Que segundo transcendeu chegou á xefatura do Estado cunha man diante e outra detrás e que hai pouco o xornal The New York Times estimou a súa fortuna nuns 1.800 millóns de dólares. Todo isto seguramente aparecerá nas súas memorias, pode que si, pero contado ao seu xeito porque por iso son as “súas”, persoais e intransferibles e que a bo seguro pasarán tamén a formar parte das súas fontes e mananciais de ingresos.
Seguramente a prensa cortesá lle vai dar moito pulo a estas memorias feitas a medida e carentes de honestidade porque están escritas por alguén que non é fiable pertencente a unha institución anacrónica creada para que algúns vivan a corpo de rei. Posiblemente esteamos diante dunha nova “real” e lucrativa fraude. Por non perder a costume.
