Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Enganos, carácter e lecturas

Newton, segundo seus detractores, era un home de mediocres capacidades que se fixo famoso pola sorte da súa situación no tempo e no espazo. A súa revolución palpábase “no aire” e simplemente tivo a paciencia e a tenacidade necesarias para desenvolver as implicacións evidentes. Era un gran colector de datos e un pobre conxugador de ideas… Era un envexoso roubador de ideas que outros científicos como Hooke ou Leibniz descubriran antes ca el. O seu carácter altivo e presuntuoso fixo ocultar os logros dun astrónomo esquecido contemporáneo seu, chamado Flamsteed. Estivo Newton demasiado influenciado por aduladores ignorantes do curso inicial dos acontecementos e por un desexo de renome, cunha mente nin xusta nin honesta. Disto tamén se queixaba Hooke no movemento planetario e Flamsteed polo uso das súas observacións.

Whiteside expresou a súa decepción ante o feito de que Newton lera tan poucas matemáticas

Así fala seu admirador español do século XX, José Manuel Sánchez Ron, no seu libro “Cartas a Newton”: “Teño que recoñecer, Isaac, que Leibniz, por moi canalla que fose, sabía o terreo que pisaba, que as tiraba con bala, como se comproba coa referencia a Hooke e Flamsteed”.

E prosegue Sánchez Ron: “Foi entón cando estalou a túa furia. A ciclópea furia newtoniana. Con quen cría aquel home que estaba tratando? Non se daba conta de que non querías entrar en desputas, en polémicas, porque cando o facías non sabías, non podías nin querías perdoar? Porque a simple idea de que o teu xenio puidese ser cuestionado por algún humano resultábache tan insoportábel que te alteraba completamente. Despois de Deus –e o teu Deus era, insisto, un só, arriano, non trino– ninguén salvo ti, salvo Ti, con maiúsculas, podería entender quen eras e o que dicías. Así que, entón, despregaches toda a túa paixón, toda a túa forza, todos os teus argumentos e detalles, e tamén os trucos dos que sempre fuches capaz e, se non, que llo pregunten ao pobre John Flamsteed, o astrónomo real, a quen remataches quitándolle a posesión das súas observacións da Lúa que el quería perfeccionar máis, e fixéchelo só porque querías completar unha teoría das mareas nunha nova edición dos ‘Principia’. Arreglaches, efectivamente, que a Royal Society –que “ti” presidías– encargara e publicara un informe sobre a polémica, un informe detrás do cal estabas ti, igual que a man que abala o berce”. O 24 de abril de 1712, aquel comité presentou a súa resolución.

En relación coas súas lecturas podemos aquí presentar unhas conclusións sorprendentes.

Así, Whiteside escribiu: “Nós tamén sentímonos algo decepcionados ante o feito de que Newton lera tan poucas matemáticas habituais naquel entón ou, se as leu, que non deixara rastro ningún. En ningún dos seus documentos autografados encontramos os nomes de Napier, Briggs, Desargue, Fermat, Pascal, Kepler, Torricelli ou mesmo Arquímedes ou Barrow. (Isaac Barrow sería o profesor que examinaría a Newton en 1664 sobre os ‘Elementos de Euclides’. Newton, para presentarse a uns exames para obter o posto de escolar residente, non lera a Euclides e o que fixo foi mercar na feira de Stourbridge un libro de astroloxía con referencias trigonométricas coas que el non estaba familiarizado).

Pola súa parte, Bernard Cohen e outros estudosos suxiren que as lecturas de Newton, por moi amplas que foran, é moi posible que nunca incluíran nin os Discorsi de Galileo nin algunha obra de Kepler. Ao morrer Newton, na súa extensa biblioteca tampouco se atopou ningún libro de Tolomeo, de Copérnico ou de Tycho Brahe.