Un axitador a soldo de quen?
Primeiro andou infiltrado polas roldas de prensa no Congreso dos deputados facéndose pasar por xornalista (¿?) tratando de incomodar aos deputados/as de esquerda, claro. Logo polos corredores da institución e por fóra do Congreso coa mesma pérfida intención. E agora doulle por facer un periplo por diversas universidades ao máis puro estilo Charlie Kirk, ultradereitista norteamericano afín á política de Donald Trump. Anda polos campus sen autorización co gallo de montar algarada envolto na bandeira de España. A Universidade podería ser para el un foro de debate, pero de que vai debater este rapaz? Convencer aos estudantes que con Franco se vivía mellor? El, que nin de lonxe viviu nesa longa noite de pedra e xa que logo nunha ditadura. Atreveríaste, campión, terías a ousadía de chamar fillo de puta ao presidente daquel goberno e provocar como fas arestora?
Vito Quiles é un personaxe esperpéntico deses que lle darían moito xogo ao noso paisano don Ramón María de Valle- Inclán. Nas súas aparicións en varias universidades reuniu a grupos de estudantes reaccionarios, que habelos hainos, pero tamén a infiltrados que pouco ou nada teñen que ver coa universidade. E houbo enfrontamentos cos estudantes progresistas, claro, porque iso é o que persegue. Para quen traballa este rapaz? Quen lle sufraga os gastos para moverse por diversas cidades universitarias? Quen son os seus mecenas? Traten de buscar vostedes as respostas e a bo seguro que acertarán.
Vito Quiles forma parte, xunto ao camerunés Bertrand Ndongo afiliado a o partido de ultradereita Vox, dos pseudoxornalistas que falsamente esgrimen a liberdade de expresión para molestar e mentir acreditándose como traballadores da información e burlarse dos principais valores do xornalismo. Porque imos ver; foron algunha vez Victor Quiles ou Ndongo tras de Mazón a preguntarlle polas súas “cousiñas”? Foron estes personaxes, micrófono na man, a inquirir a Ana Rosa Quintana coa mesma intención? Non, verdade? Entón está claro que clase de xornalismo fan estes individuos e de que liberdade de expresión falan estes falsos xornalistas. Que cada quen saque as súas propias conclusións.
