Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Aproveitando o pequeno parón escolar destes últimos días achegámonos a León -como puidemos escoller outro destino calquera-, como vía de escape para tentar mitigar, na medida do posible, a dor que nos acompaña nas últimas semanas. Malia ser un lugar relativamente próximo, había 31 anos que non pisaba esa cidade, que, por outra parte, coñezo bastante mal. Un par de días, mesmo con tanta auga como a que nos caiu, axudou a mellorar o coñecimento da capital leonesa, a onde chegamos despois de lle meter ao corpo un opíparo cocido maragato en Castrillo de los Polvazares, concretamente en Cuca la Vaina. Recomendables lugares, tanto o establecemento como a localidade astorgana. Descubríraos, hai por volta de 30 anos –podería precisar máis,pero tampouco é preciso–, cando alí xantamos un grupo de bos amigos cando iamos camiño de Valladolid para ver xogar aquel Deportivo que metía medo. Paréceme lembrar que gañara. Recordeillo, estando alí, in situ, a Xosé Luís Armesto, un dos comensais viaxeiros, que o lembraba perfectamente. Nunha das paredes da recepción do local está pendurado, por certo, un marco que contén, tamén en tradución ao español, o poema “A negra terra”, de Manolo Rivas, escrito con ocasión do voraz incendio que, en agosto de 2014, asolou as terras maragatas.

Unha vez instalados en León dedicámonos ao que cumpría: vivir a cidade: patear, visitar algún museo ou edificio artisticamente relevante, tabernear..., actividade, esta última, que nunca practicara por eses pagos. E abofé que hai ben de establecementos a onde ir, que, ademais, conservan as esencias de tempos pasados, algo que por onde me movo habitualmente, ou con frecuencia, practicamente se perdeu. Hoxe hai outro tipo de cousas, das que, certo é, gusto bastante menos. Lóxico, se penso que nas beiras da miña casa –rúa Magdalena, frente a actual Escola de Idiomas– a miña mente está a ver non menos de 7 bares-taberna e, a maiores, algún café-bar. O non hai tanto desaparecido New York, por suposto. León fíxome rememorar esa vida da infancia e da mocidade.

O plateresco antigo convento de San Marcos –hoxe parador–, o modernista edificio coñecido como Casa Botines -obra de Gaudí-, a románica basílica de San Isidoro, o barroco edificio Mirador -o vello consistorio- da praza Mayor, o renacentista palacio dos Guzmanes –sede da Deputación– ou, naturalmente, a catedral gótica són edificios que sorprenden e alegran a vista.

Sempre gustei moito desa catedral. Impresióname ver tantos metros cadrados de vidreiras multicolores, se ben desta volta a climatoloxía impediume ver a grandiosidade lumínica. Como é ben sabido, construiuse na segunda metade do século XIII, cando a cidade non pasaba dos 5.000 habitantes, o que chama poderosamente a atención.

Con anterioridade, alí estivo a catedral románica que en 916 mandou construír o rei Ordoño II, para agradecer a Deus a súa vitoria sobre os árabes na batalla de San Estevo de Gormaz. Nela sería enterrado despois da súa morte, en 924. Non esquezamos que, entre 910 e 914, Ordoño fora rei de Galicia, moi probablemente sen ser subsidiario do rei de León, como non é raro ler. Construída a magna catedral gótica, os seus restos pasaron a un atractivo sepulcro policromado sito no deambulatorio.

Aí están, pois, restos da nosa historia.