Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Este pasado martes celebrei as miñas vodas de brillantes coa vida. Segundo se recolle nun artesanal album de fotos da miña infancia, nacín ás 9 da mañá -nunca gostei de molestar- do sábado 7 de outubro de 1950, no primeiro andar da casa número 8 da moi ferrolá rúa do Socorro. No calendario católico é o día da Virxe do Rosario, patroa da Coruña. É por iso que, nos meus primeiros anos de docente, tal data era festiva na capital provincial, o que supuña que, dado que o 12, era día do Pilar, tamén feriado, en función do día da semana en que caese -poñamos que mércores ou xoves- o curso podía non comezar ata o día 13 de outubro, o que non estaba mal, nin para docentes nin para discentes. Nos últimos anos, nesa data, os estudantes xa levan máis dun mes de aulas. E podo asegurar, con total rotundidade, que non teñen maiores coñecementos que os daquela altura.

A véspera do meu 75 cumpreanos, a cadea Zara inaugurou, na tenda da rúa Juan Flórez, sita no mesmo local onde a marca botou a andar hai 50 anos, unha exposición conmemorativa, na que presenta prendas e obxectos deseñados -xunto co equipo de Zara- por 50 destacados creativos de diferentes ámbitos: David Chipperfield, Ezra Petronio, Rosalía, Naomí Campbell, Norman Foster, Pierpaolo Piccioli, Pedro Almodóvar... Deste último é unha camiseta moi colorida na que aparecen os debuxos que Juan Gatti realizou para os carteis dos filmes do director manchego. Isabel, que coñece ben os meus gustos, non tivo nin que pensar o que me ía regalar polo cumpreanos: a camiseta de Almodóvar, coa que, dado o sol reinante, xa teño paseado. Os beneficios das vendas irán destinados á Women’s Earth Alliance, organización sen ánimo de lucro que se ocupa da protección do medio ambiente mediante o empoderamento do liderado feminino, un bon motivo para gastar os cartos aí e non noutra cousa.

Ao día seguinte, con 75 anos recén estreados, tiven que pasar polo quirófano. Nunha exploración de seguimento da evolución da vexiga, despois da extirpación das células canceríxenas hai case un ano, detectaron algo que podía ser, ou non ser, unha reprodución do cancro e decidiron que o mellor era intervir de novo. Ingresei, pois, o día 8 e esa mesma noite déronme a alta. Segundo me manifestou a uróloga que me interveu non había nada, a vexiga estaba limpa de todo mal. Marchei, como non, encantado da vida e felicitándome -porque isto é unha cousa de todos e todas- por termos unha sanidade pública como a que temos. Como funcionario que fun, desde hai máis de corenta anos, tiven a posibilidade de escoller sanidade pública ou sanidade privada. Tiña e sigo a ter clarísimo que a boa sanidade, a que de verdade vela pola nosa saúde é a pública. Acredito nesa e por iso sempre estiven aí. O outro día tiven ocasión de reafirmarme nas miñas certezas. Agás o anestesista, un señor moi atento e simpático, todo o persoal do quirófano eran mulleres novas, tremendamente profesionais nos seus quefaceres e que en todo momento estiveron totalmente pendentes do benestar do paciente, de min. E iso, non era o meu caso, resucita mortos.

Cómpre, pois, loitar diariamente contra os intentos privatizadores que teñen en mente as dereitas todas. Velaí o escándalo dos cribados en Andalucía. A saúde das persoas non pode ser obxecto de negocio.