Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Unha vez máis, vemos as dificultades que desde Galicia temos para nos relacionar co mundo editorial portugués. Acaba de chegar ás miñas mans –grazas a unha xestión da Libraría Galiano– a antoloxía que, de Rosalía de Castro, publica Officium Lectionis Edições: “Como um eco perdido”. Un traballo bilingüe e unha aproximación a “Cantares Gallegos”, “Follas novas” e “En las orillas del Sar”.

Acerta Anxo Angueira no seu limiar ao equiparar a Rosalía con Cervantes, Shakespeare ou Dante. Tamén resulta moi interesante como vai incardinando as tres obras da padronesa co momento histórico da sociedade que lle tocou vivir. Agrádame ver como escapa dos estereotipos que, por desgraza, pretenderon ensinarnos no colexio, dándolle o verdadeiro significado á figura cultural e social de Rosalía. A do rexurdimento, a feminista, a que traballa a prol dun cambio para unha Galicia moderna e igual ás demais nacións.

Talvez, desde aquí debéramos coñecer –cando menos– un pouco a pegada que Rosalía de Castro ten en Portugal. Son dos que opina que a cultura e a “variante” da nosa fala, esa que temos ao sur do río Miño debera ter acougo no noso ensino desde primaria, integrada nas materias de galego e historia.