A temperatura do lixo
Non comparto o dito polo escritor Bukowski cando manifestou que votar a republicanos ou a demócratas no seu país, EE.UU., era o mesmo que elixir entre merda quente e merda fría, mais xa sabemos como as gastaba Bukowski cando o exceso de alcohol circulaba polas súas veas. Ou manifestou isto cando estaba cordo lonxe dos efluvios da melopea? O mesmo si, quen sabe. Pois o escritor e columnista David Torres pensa o mesmo que este poeta representante do chamado “realismo sucio” á hora de elixir aquí entre PP e PSOE. Home, tampouco creo que sexa para tanto.
Vaiamos á groseira estratexia que está utilizando o PP contra o presidente e o seu goberno e as desafortunadas declaracións dalgúns e algunhas representantes deste partido que aspira a gobernar algún día este país. Á señora Ayuso séguelle gustando “la fruta” e o señor Feijoó debería andarse con moito coidado con Ayuso, non coa froita, porque dona Isabel pódelle indicar a porta pola que saíu Casado cando cadre ou cando llo diga o seu alter ego Miguel Ángel Rodríguez. Acuñou esa estupidez de “me gusta la fruta” por non dicir abertamente “hijo de puta”, que soa moi mal na boca dunha señorita educada e ademais presidenta da Comunidade de Madrid. A min particularmente non me gusta que se cacarexen insultos como o de fillo de puta porque non solucionan nada: só poñen en evidencia a quen insulta dese xeito.
Outra ocorrencia foi comparar a interrupción da última etapa da Volta en Madrid con Sarajevo en guerra e que o de Gaza non é un xenocidio, teses que tamén secunda o alcalde Sr. Almeida. O que diga a ONU ao respecto por medio da Corte Internacional de Xustiza que depende dela, algúns/as pásano polo arco do triunfo. E logo está o señor Tellado co de cavar unha fosa para enterrar ao goberno, unha retórica que se saíu de mai e que dixo sen pestanexar sabendo, porque seguro que o sabe, que hai demasiadas fosas cavadas neste país e demasiados desaparecidos nelas. Un recurso retórico desafortunado polo que o señor Tellado non se desculpou, que saibamos. A estratexia é minar a resistencia e converter ao adversario en inimigo. Todo vale.
Hai que ter coidado coas palabras porque poden estar cargadas de veleno e converterse en puro lixo. Lixar non é a solución, señores/as que se dedican á política. En calquera caso non hai equidistancia entre a estratexia do ataque duns coa defensa dos outros. Así as cousas, e volvendo a Bukowski, un xa non sabe cal é o lixo que ensucia máis, o frío ou o quente, nese esparexemento aleivoso e premeditado empregado nas liortas ideolóxicas lanzado sen ton nin son. Inmundicia a fin de contas.
